Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno permite que as cámaras privadas enfoquen á rúa

Written By Virgulino on 18/7/08 | 15:58

A Delegación do Goberno en Galiza respondeu ao Movemento polos Dereitos Civís que non se considera competente no caso dunha cámara instalada nun edificio privado da Coruña que enfoca a rúa. Segundo o escrito remitido pola institución estatal, o dispositivo, do que se ten coñecemento que enfoca e rexistra imaxes da vía pública, non está suxeito á Lei 4/99 pola que se regulan a instalación de videocámaras, e polo tanto non precisa de autorización previa nin se lle esixen garantías xurídicas.

Non obstante, a Delegación non ten en conta que a mesma norma establece que só as cámaras instaladas e controladas polos Corpos e Forzas de Seguranza poderán rexistrar imaxes dos lugares públicos, polo que os responsables do citado dispositivo estarían incumprindo coa lexislación vixente. Aínda así, a Delegación non se considera responsable nin esixirá aos propietarios da cámara as garantías mínimas que aseguren que o obxectivo só enfoca ao portal do edificio, pero non toma imaxes da rúa.

A existencia desta cámara fíxose pública o pasado febreiro logo que de os medios de comunicación informasen de que o dispositivo privado dun edificio da Praza de Santa Catalina gravara a un mozo no soportal do inmoble e preto doutro negocio contiguo. Non obstante, os moradores do edificio non tiveran en conta que as cámaras de seguridade privada non poden tomar imaxes dos espazos públicos, xa que neste caso precísase da autorización previa do Goberno e dun informe favorábel que garanta o debido respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns, especialmente os referidos á honra, a intimidade e a propia imaxe, e que, claramente están sendo vulnerados neste caso.

A falta de responsabilidade da Delegación deixa vía libre para que calquera veciño poida instalar unha cámara no seu edificio e gravar todo o que pasa na rúa, incluídas as persoas, con total impunidade, vulnerando os dereitos fundamentais dos cidadáns e sen que a administración competente considere esta actividade ilegal.

Este non é o único caso no que a Delegación se declarou incompetente para controlar as vídeo cámaras. De feito, a institución sinalou que as cámaras instaladas nos colexios ou no exterior dos edificios públicos (como o caso do MARCO de Vigo) e dos que se sospeita que apuntan á vía pública non son axustables á normativa actual. Mención especial merece o caso dos dispositivos instalados pola Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense que rexistran imaxes da rúa, foron denunciadas polos veciños do inmoble no que se atopan as oficinas, pero que a Delegación considera “privadas”.

0 comentarios:

Publicar un comentario