Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As cámaras de vídeo vixilancia instaladas no casco histórico de Lugo carecen da autorización da Delegación

Written By Virgulino on 17/7/08 | 16:38

As cámaras de vídeo vixilancia instaladas no casco histórico de Lugo son ilegais, xa que carecen da preceptiva autorización da Delegación do Goberno. Nun escrito trasladado ao Movemento polos Dereitos Civís a institución estatal indicaba que os permisos dos dispositivos caducaron o pasado 18 de abril de 2008 e que o Concello non solicitou a renovación anual correspondente, polo que de estaren rexistrando imaxes, o goberno local estaría a cometer unha grave infracción tipificada na Lei 4/97, de 4 de agosto.

A lexislación establece que a autorización das cámaras de vídeo vixilancia débese renovar de xeito anual e, especificamente di que a solicitude se deberá tramitar dous meses antes de que expire a autorización. Respectar o marcado na normativa que regula a vídeo vixilancia é a única maneira de ofrecer as garantías xurídicas mínimas para o libre exercicio dos dereitos fundamentais dos cidadáns, así como evitar usos fraudulentos dos dispositivos. Cabe lembrar que as cámaras do casco histórico de Lugo tampouco aparecen no listado de dispositivos autorizados remitido polo Goberno estatal ao Senado o pasado mes de decembro (data na que, segundo os datos da Delegación, deberían estar operativos e con autorización vixente).

Así mesmo, hai que destacar non está comunicado no rexistro xeral da Axencia española de Protección de Datos a creación dun ficheiro de imaxes, tal e como se establece na normativa actual. Esta comunicación á AEPD é a que permite aos cidadáns que son gravados polas cámaras exercer o seu dereito de acceso, rectificación ou cancelación dos datos persoais contidos nos citados ficheiros e, xa que logo, salvagardar o seu dereito á honra, propia imaxe e intimidade.

Dereitos Civís solicita ao Concello de Lugo a retirada inmediata de todas as cámaras que aínda poida ter instaladas no casco antigo e que non cumpren cos requisitos establecidos pola normativa vixente. De igual xeito, saúda ao Concello no suposto caso de que non solicitase a renovación por ter intención de suspender os sistemas de vídeo control.

0 comentarios:

Publicar un comentario