Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo acepta a queixa contra o Concello de Lalín

Written By Virgulino on 22/6/08 | 9:00

O Valedor do Pobo aceptou a queixa presentada contra o Concello de Lalín por deixamento de funcións ao desatender os problemas que padecen un grupo de veciños da localidade por mor do ruído que cada fin de semana xera un establecemento musical. A institución galega entende que a queixa atopa “cobertura constitucional derivada do artigo 45 da Constitución” e polo tanto, acaba de iniciar as actuacións oportunas diante do Concello, que deberá remitir un informe da súa actuación a este respecto.
O artigo 45 da CE di textualmente: “Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva”, e del derívanse as distintas leis que regulan as emisións de ruídos, entendidas como contaminación acústica.

A espera da contestación do propio Concello, a aceptación da queixa por parte do Valedor supón un primeiro paso para obrigar ao goberno local a cumprir coas súas obrigas e atender as demandas do colectivo de veciños afectados pola emisión de ruídos de Disco Planet, cuxa actividade provocou incluso que algúns dos residentes na zona tivesen que abandonar as súas vivendas e trasladarse a outra zona.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís agárdase que o Valedor non de por boas vagas explicacións do Concello, alegando que existe unha sentenza favorábel para a discoteca (hai que lembrar que esta se debeu aos propios erros por parte do Concello), xa que o cometido da administración local, nestes caso, debería ser acudir a todos os recursos dos que dipoña para facer que Disco Planet se axuste á normativa de ruídos e a normativa urbanística, outra das ilegalidades non sancionadas por parte do Concello. O que non pode suceder é que por un erro administrativo dos técnicos municipais, e contando cos informes que afirman que se sobrepasan os límites máximos de ruído, o goberno local se desinhiba das súas obrigas e permita este abuso por parte dun empresario.

0 comentarios:

Publicar un comentario