Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Ribeira deberá presentar ante o xulgado o informe da Delegación que autoriza a instalación de cámaras

Written By Virgulino on 14/6/08 | 8:00

A información forma parte das probas documentais solicitadas polo Movemento polos Dereitos Civís, dentro do contencioso-administrativo que mantén coa entidade municipal

O Concello de Ribeira deberá presentar nas próximas semanas ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Compostela o informe da Delegación do Goberno polo que se autoriza a instalación das cámaras. Así llo comunicou a Administración da Xustiza á entidade municipal logo de admitir como pertinentes sete das oitos probas que o Movemento polos Dereitos Civís solicitou para demostrar a ilegalidade dos dispositivos, que supostamente se empregan para controlar o tráfico pero que, en realidade, gravan as persoas que transitan pola rúa. A actuación enmárcase dentro do procedemento xudicial que a asociación de Dereitos Civís está a levar a cabo contra o uso e a instalación irregular de cámaras de seguridade.

Así mesmo, o Concello tamén terá que achegar o proxecto enviado á Delegación no que se solicitaba a preceptiva autorización para a instalación de cámaras de videovixilancia, se plasmaba os criterios de proporcionalidade esixidos e quen se encarga de custodiar as imaxes gravadas, así como o informe favorable da Comisión de Garantías de Vídeo Vixilancia de Galicia. De igual xeito, debe facilitar as solicitudes de renovación anual das licencias para a instalación fixa, como establece o Regulamento de videovixilancia no artigo 10. Este adoita ser un punto feble de cumprimento, posto que moitas administracións entenden que unha vez outorgados os permisos non precisarán de renovalos anualmente, e aínda menos dentro do prazo previsto (dous meses antes de que finalice o período de autorización).



Garantías dos dereitos fundamentais

O Movemento polos Dereitos Civís tamén reclamou ao Concello que informe sobre a titularidade das imaxes rexistradas polas cámaras, especificando o organismo onde se pode solicitar o acceso ás gravacións, así como que se facilite un listado co número de peticións de acceso ou cancelación realizadas desde que as cámaras están en funcionamento. Esta información resulta esencial para comprobar que se dan as garantías necesarias para respectar o dereito de acceso dos cidadáns a datos de carácter persoal e así poder modificalos ou cancelalos.

Hai que lembrar que o sistema de gravación do que dispoñen as cámaras de Ribeira é continuo en disco duro con capacidade aproximada para cinco días e que esas gravacións automaticamente se borran ó regravar sobre elas unha vez esgotada a súa capacidade, segundo o propio Concello explicou á Axencia española de Protección de Datos.


Filtración de imaxes

Os feitos comezaron en xaneiro do ano 2007 cando un medio de comunicación, El Correo Gallego, publicaba nun xornal unha imaxe de dous mozos pelexando na rúa. O pé de foto desta fotografía indicaba claramente que fora tomada por unha das cámaras instaladas polo concello para controlar o tráfico, feito que vulnera claramente a lexislación vixente e atenta contra o dereito á intimidade e á propia imaxe das persoas fotografadas.

0 comentarios:

Publicar un comentario