Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello da Coruña contestou ás alegacións das asociacións despois de aprobar a ordenanza do botellón

Written By Virgulino on 24/6/08 | 18:32

O Concello da Coruña contestou ás alegacións presentadas ao texto da ordenanza municipal do “botellón”, logo de ter aprobado en Pleno a citada normativa. Os responsábeis locais remitiron unha contestación ao Movemento polos Dereitos Civís na que rexeitaban todas as propostas transmitidas pola asociación ao texto da ordenanza; de igual xeito, os colectivos veciñais e particulares que presentaron as súas alegacións, tamén viron como dende o goberno local se aprobaba a regulación sen ter en conta nin sequera unha soa das súas achegas.

Á vista do escaso talante dialogador e de busca dun consenso social amosado do goberno da Coruña, o MpDC vaise por en contacto con este grupo de asociacións e persoas para tentar estudar as posibles medidas a levar a cabo de forma conxunta contra unha ordenanza que naceu cargadas de dúbidas sobre a súa efectividade, mentres que supón un recorte aos dereitos cidadáns.

Dereitos Civís considera que o documento non achega nada novo á lexislación sobre a materia ao tempo que cae en incongruencias con respecto á responsabilidade, xa que establece que, de non identificarse aos responsables de molestar ou cometer algunha das infraccións tipificadas, estes respondan solidariamente. Dereitos Civís pregúntase se isto quere dicir que será responsable da acción toda persoa que se atope nese momento na rúa, independentemente de se molestou, participaba nun botellón ou simplemente se atopaba de casualidade na zona. Dereitos Civís subliña tamén as incongruencias que presenta o texto, xa que a normativa só afecta a aquelas persoas que se reúnen na rúa para beber de once da noite a sete da mañá, sen especificar a que se debe esta decisión arbitraria ou por que non afecta de igual modo a bares e pubs, locais contra os que se presenta unha denuncia cada tres días por cuestións relacionadas co ruído. “Resulta cando menos curioso que se considere menos gravoso, e sancionado con unha pena de 700 euros menos un botellón de menores ás 10.30 da noite que un botellón de menores as 11.30 da noite”, indícase dende o colectivo.

0 comentarios:

Publicar un comentario