Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A ineficacia das cámaras de Compostela reforza a necesidade de buscar métodos de seguridade alternativos e menos intrusivos

Written By Virgulino on 4/6/08 | 17:18

Os dispositivos de videovixilancia non lograron evitar nin axudaron a resolver nin un só caso dende que se iniciou a súa instalación en 1999


As cámaras de videovixilancia de Compostela volveron mostrar a súa ineficacia. Os dispositivos non conseguiron evitar que a pasada fin de semana se rompesen os vidros do escaparate dun establecemento en pleno casco histórico. As cámaras tampouco conseguiron impedir outras tres agresións similares a establecementos privados nesa zona. Unha vez máis, as cámaras demóstranse inútiles nas funcións que pretenden cumprir, e aínda non se conseguiu demostrar que servisen para resolver nin un só delito ou dano calquera contra o mobiliario urbano ou contra a propiedade privada, dende que se instalaron en 1999. Esta situación provoca as queixas constantes por parte dos comerciantes afectados, que urxen a busca dunha solución eficaz.

Dunha ocasión mesmo a Policía Local foi quen de informar aos comerciantes da zona monumental que as cámaras non gravan, só visionan, polo que os actos violentos non quedan rexistrados. Unha das escusas esgrimidas polo corpo de seguridade para tal afirmación é dicir que só hai un axente controlando todas as pantallas das cámaras da cidade, o que impide presenciar os crimes no momento. Non obstante, os dispositivos están equipadas con discos duros de alta capacidade para almacenar gravacións, e o propio Valedor do Pobo recoñeceu nun documento que efectuaban tarefas de gravación. De producirse gravacións, as imaxes son consideradas datos personais, e a cidadanía ten polo tanto dereito a acceder ás mesmas e a esixir que se borren. Mais se a administración local nega que se rexistren as imaxes, está ao tempo cancelando o dereito de acceso dos cidadáns e vulnerando a seu dereito a controlar a súa propia imaxe.

Desde o MpDC queremos denunciar a persistencia do alcalde de Santiago en manter unhas instalacións que son inútiles para o fin concreto para o que se colocaron, mentres invaden a intimidade dos cidadáns constantemente. Ademais, aínda que as cámaras contan cos permisos necesarios non está claro que a obrigada actualización da autorización se faga anualmente (como ordena a lexislación) nin dentro do prazo previsto pola lei.


Máis dispositivos
A pesar da súa demostrada ineficacia, o alcalde ten previsto instalar dez novos dispositivos de videocontrol, xustificados dentro do programa para ampliar a rede wifi na área do casco histórico. As cámaras suporán novas intromisión no dereito á intimidade dos individuos e pola contra, non conseguirán resolver os problemas de agresións contra o patrimonio público ou privado.

0 comentarios:

Publicar un comentario