Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Galiza é a cuarta Autonomía que máis denuncias remitiu á Protección de Datos durante o 2007

Written By Virgulino on 19/6/08 | 18:22

Galiza é a cuarta autonomía do Estado que máis número de denuncias remitiu á Axencia española de Protección de Datos durante o 2007. Así o destaca o organismo estatal na memoria anual que presentou esta semana e na que da conta do seu traballo. A cifra concorda coa sistemática vulneración dos dereitos recollidos no artigo 18 da CE, que se están a dar nos últimos tempos.

No documento, destácase como novidade, que o ano pasado se situaran en terceiro lugar as denuncias e investigacións relacionadas coa videovixilancia, que rexistraron un incremento do 400%, acadando a cifra de 123 queixas. Os datos non resultan sorprendentes dado o descontrolado aumento do número de cámaras de vixilancia que se están a instalar tanto nos Concellos de Galiza, como no resto do Estado e as poucas ou nulas garantías xurídicas que se esixen por parte de Delegacións e AEPD.

Relacionado con este fenómeno, a AEPD informa que no 2007 se inscribiron 202.173 novos ficheiros con datos de carácter persoal, co que xa se alcanzou a cifra a final de ano de 1.017.266 (955.713 privados e 61.553 públicos), o que significa que cada día se inscriben 1.047 ficheiros novos. De feito, os arquivos de datos de carácter persoal relacionados coa videovixilancia subiron un 618% con respecto ao 2006. Aínda así, hai que lembrar que non todas os dispositivos están rexistrados na AEPD, senón pola contra, no caso galego, a meirande parte das cámaras, debido a súa condición irregular nin sequera figuran no citado rexistro.

A transcendencia desta cuestión deriva da garantía dos dereitos cidadáns. O non recoñecemento oficial da existencia dun arquivo de imaxes impide ás persoas que foron gravadas poder exercer o seu dereito de acceso ás mesmas e polo tanto modificar ou cancelar a información que conteñen as gravacións.

Non obstante, a Axencia recoñece as necesidades de avanzar na protección dos individuos fronte aos novos mecanismos tecnoloxía e recomenda ao Executivo desenvolver unha Estratexia Local dirixida a adecuar a instalación de cámaras para control do tráfico á normativa de protección de datos persoais. Quizais a AEPD debería tomar nota dos seus propios consellos.

0 comentarios:

Publicar un comentario