Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís traslada a súa satisfacción polo peche da causa contra as persoas detidas durante a “Operación Castiñeira”

Written By Virgulino on 20/6/08 | 22:00

O Movemento polos Dereitos Civís quere manifestar a súa satisfacción pola decisión da Audiencia Nacional de arquivar a causa contra as once persoas detidas durante a chamada “Operación Castiñeira”. Despois de que pasaran xa tres anos dende as detencións ilícitas e un dos maiores despregues de medios que se lembran na Galiza, a xustiza decidiu arquivar o caso ao non atopar indicios de asociación ilícita ou apoloxía do terrorismo.

Con motivo deste feitos Dereitos Civís iniciou un proceso de investigación para pescudar e depurar as responsabilidades dunha acción na que se vulneraron os dereitos fundamentais dos detidos. Dereitos Civís enviou os correspondentes escritos ao Ministerio de Xustiza, do Interior, ao Consejo General del Poder Judicial e ao Defensor del Pueblo coa finalidade de pór en coñecemento destes organismos ditos feitos. O que en principio resultaba unha tarefa de sinxela solución, era cuestión de pór en marcha a maquinaria legal que rexe a actividade das distintas administracións e órganos de Xustiza, converteuse nun proceso lento e confuso no que as respostas obtidas obviaban a legalidade do solicitado polo MpDC e lanzaban as correspondentes responsabilidades fóra de cada un dos diferentes organismos públicos, cando non se decantaban polo silenzo e o “pasotismo”. A día de hoxe, Dereitos Civís aínda agarda unha resposta para esclarecer o desenvolvemento da “Operación Castiñeira” por parte do Ministerio de Xustiza e que o Defensor del Pueblo comece a exercer as potestades recollidas na Lei que regula o seu funcionamento, tales como a posibilidade de actuar de oficio.

A contestación do CGPJ, a Inspección de Personal e Servicio de Seguridade do Ministerio do Interior, así como a do Congreso demostrou a falta de interese por coñecer a realidade duns feitos nos que se lesionaron os dereitos dos afectados, así como se creou unha falsa alarma entre a sociedade galega, coas negativas consecuencias que isto carrexa. Para o Ministerio do Interior non existiron accións desproporcionadas, mentres que o CGPJ e o Congreso desinhibíronse e apelaron á responsabilidade única dos tribunais e os xuíces nas cuestións da administración de xustiza.

Dereitos Civís alégrase, xa que logo, de que a Audiencia Nacional recapacitase e tomara a decisión de pechar definitivamente un proceso alongado no tempo e no que non se chegou a analizar a actuación das Forzas de Seguridade, senón que se venderon os dereitos dos acusados a cambio dun efectismo alarmista amplificado a través dos medios de comunicación.

0 comentarios:

Publicar un comentario