Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís rexeita a actitude do PP fronte a actuación de Banda Bassotti

Written By Virgulino on 27/6/08 | 17:34

O Movemento polos Dereitos Civís traslada a súa repulsa á actitude que mantén o PP a respecto da agrupación italiana Banda Bassotti. O partido político volveu arremeter contra a actuación da banda, desta vez no cartel do festival de Boiro, por “posible apoloxía do terrorismo”, tal é como ten feito noutras ocasións nas que os italianos formaban parte da programación dalgún evento musical.

A actitude da formación política resulta rexeitable porque, entre outras cousas, obvia completamente a presunción de inocencia e coarta a liberdade de expresión sen ter argumentos razoables nin probas contundentes. A demanda de anular a actuación de Banda Bassotti basease nunha “posible apoloxía do terrorismo”, dando por seguro unha hipótese defendida só por eles e que nunca se tomaría en consideración se o grupo popular presentara unha demanda contra os músicos italianos. O PP non pode pretender criminalizar a todos os artistas que non comulgan coas súas ideas e impor esta visión sobre o resto da sociedade.

Pola súa banda a Asociación de Vítimas do Terrorismo ten amezado en varias ocasións con denunciar á banda por unha canción, YUP LA LA, versión dun poema musicado de Etxamendi que data do ano 1974, e que como ben explicaban os músicos, hai que entender no seu contexto histórico. A este respecto hai que lembrar que o grupo vasco Soziedad Alcolica foi absolto polo Tribunal Supremo de suposto enaltecemento do terrorismo, no proceso iniciado contra eles pola AVT. A liberdade de expresión é un dereito fundamental e por máis que lle resulten “reprochables” a un determinado sector da sociedade as accións de grupos musicais, iso non supón que o seu criterio se deba impor sobre a creación artística nin sobre o dereito dos seus seguidos a velos actuar.

0 comentarios:

Publicar un comentario