Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís felicita ao Concello de Pontevedra pola súa actuación coas cámaras ilegais

Written By Virgulino on 30/6/08 | 16:39

O Movemento polos Dereitos Civís quere felicitar ao Concello de Pontevedra pola actuación da Policía Local a respecto dunha cámara de videovixilancia irregular instalada nun establecemento de ocio. A actuación do Concello neste caso é un exemplo que deberían seguir todas as administracións locais galegas, en lugar de amparar e promover a instalación de cámaras ilegais.

Dereitos Civís quere trasladar a súa satisfacción pola retirada da cámara privada e agarda que esta medida non quede nun feito illado, senón que sexa o comezo da aplicación efectiva da Lei de Videovixilancia por parte da Administración. A proliferación de dispositivos de videocontrol que non se axustan á normativa actual estase a converter nunha realidade preocupante, na que prevalecen as falsas medidas de seguridade sobre os dereitos fundamentais dos cidadáns.

O MpDC lembra aos donos do establecemento que, a pesar das lagoas legais que existen referentes a regulación das cámaras privadas, en ningún caso estas poden enfocar a vía pública e moito menos rexistrar o que nelas ocorre.

Agora, o MpDC anima á Delegación do Goberno a que tome as medidas sancionadoras correspondentes, cos responsables da instalación desta cámara e das ducias que hai espalladas por Galiza de xeito ilegal. Neste sentido, cabe lembrar á Delegación que a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, o MARCO de Vigo ou a Deputación de Pontevedra teñen colocadas nos seus edificios cámaras ilegais contra as que debería tomar medidas.

0 comentarios:

Publicar un comentario