Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

U-la Carta de Dereitos Cidadáns?

Written By Virgulino on 18/5/08 | 9:00

O Movemento polos Dereitos Civís pregúntase onde quedou o proxecto da presidencia do goberno galego de elaborar unha Carta de Dereitos Cidadáns de Galiza, á que tanta publicidade se lle dera tras o seu anuncio público. A iniciativa tiña como propósito eliminar as actitudes de "silenzo, opacidade e prepotencia" na Administración pública, nas palabras do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a presentación da mesma a comezos do pasado ano. En marzo de 2007 o conselleiro de Presidencia. Xosé Lois Méndez Romeu, sinalou que o executivo galego tiña a intención de publicar o documento ese mesmo verán.

O MpDC xa manifestara serias dúbidas a respecto do proxecto, posto que nacía sen forza de lei, polo que non vincula á Administración e polo tanto a súa eficacia sempre será limitada. Non obstante, tras o primeiro rebumbio mediático e as múltiples reunións e anuncios da mesma por toda Galiza, a suposta Carta de Dereitos Cidadáns continúa en suspenso, sen que polo de agora se saiba en que data se vai publicar nin con que rango normativo contará.

Segundo se pode ler na páxina web que a Xunta ten habilitada para aloxar este proxecto, a Carta de Dereitos Cidadáns deberase converter “no instrumento que recollerá de forma clara e concisa o conxunto de dereitos que asisten a todo cidadán nas súas relacións coa Xunta de Galicia. A Carta converte os cidadáns no referente da actuación da Administración autonómica, quere constituír o marco xeral de expectativas e aspiracións que a cidadanía debe ter aseguradas na súa relación coa administración galega”.

O Movemento polos Dereitos Civís si que ratifica que son moitas as dificultades coas que se atopa a cidadanía para acceder á información das diferentes administracións, e non en cuestións intranscendentes, senón en asuntos relacionados coa liberdade de expresión, coa vixilancia da cidadanía, cos dereitos fundamentais ou cos abusos policiais. Mais precisamente para tentar achegar solucións nesta materia, o MpDC xa expuxo no 2006 un proxecto de Lei sobre o Acceso á Información en Poder das Administracións, que tenta garantir que os cidadáns e cidadás galegas poidan acceder, tanto individual como colectivamente a toda clase de información e expedientes en poder da Administración, sempre salvagardando o dereito á intimidade, a pesquisa de delitos e as medidas de seguridade.

0 comentarios:

Publicar un comentario