Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Subdelegación da Coruña vulnera o dereito fundamental de manifestación recorrendo a argumentos ilegais

Written By Virgulino on 10/5/08 | 9:00

A entidade prohibiu unha mobilización convocada polo Comité Cidadán da ría de Ferrol alegando “comunicación extemporánea”, cando o exercicio deste dereito non precisa de autorización previa e só pode ser denegado cando exista un perigo real para as persoas ou os bens.

A Subdelegación do Goberno na Coruña prohibiu á manifestación que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol tiña convocado para o 9 de maio alegando “comunicación extemporánea”. A institución vulnera gravemente coa súa decisión un dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución española e que non precisa de autorización para ser exercido, xa que segundo a lexislación, é suficiente con realizar unha comunicación á Sudelegación correspondente. Un requisito que a plataforma cumpriu debidamente, polo que non se entende que a institución prohiba a mobilización escudándose nunha suposta comunicación fóra de prazo.

O dereito de manifestación só pode ser vulnerado no caso de que se estea a conculcar outro dereito fundamental de igual importancia, situación que claramente non se da neste caso, xa que tanto a manifestación, como seu percorrido e obxectivos non afectan a ningún ámbito que mereza especial protección por parte da Administración. Segundo a lexislación, a Subdelegación “só poderá prohibila cando existan razóns fundadas de alteración da orden pública, con perigo para persoas ou bens”, aínda que en ningún caso por realizar unha comunicación fóra de prazo.

Segundo indicaba o Comité nun comunicado “a concentración foi comunicada ao Subdelegado do Goberno como no caso das 19 anteriores, polo que resulta inaudito o comunicado do Subdelegado de Goberno de prohibir a manifestación alegando “comunicación extemporánea”. O Comité Cidadán vai a recorrer diante do Tribunal Superior de Xustiza esta actitude inaceptable e represiva do Sr. Pose Mesura”.

A prohibición de mobilizacións cidadáns por parte da Delegación comeza a ser unha práctica estendida e mesmo algún responsable provincial anunciou que se tomarán medidas administrativas contra os cidadáns que non comuniquen concentracións ou manifestacións. Esta actitude enmárcase no conxunto da política de recorte de liberdades e dereitos e preferencia polo uso da violencia policial que estamos a vivir nos últimos tempos na Galiza. De feito, dende a Delegación xa se ten empregado o argumento do “perigo para a seguridade pública” noutras mobilizacións cidadáns contra a planta de Reganosa, co obxectivo de xustificar cargas contra as persoas que se manifestaban pacificamente ou para despregar dispositivos policias desmesurados na zona, impedindo en varias ocasións saír a faenar aos traballadores do mar.

0 comentarios:

Publicar un comentario