Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo reclama nova información ao Concello do Grove pola instalación de cámaras na Festa do Marisco

Written By Virgulino on 13/5/08 | 12:07

O Valedor do Pobo volverá dirixirse ao Concello do Grove para solicitar nova información sobre a instalación de cámaras de videovixiancia nas carpas nas que se celebrou a Festa do Marisco do pasado ano. Segundo comunicou a institución dirixida por Benigno López a Movemento polos Dereitos Civís, o goberno municipal respostou que as cámaras instaladas polo Concello “soamente tomaron imaxes do espazo privado do almacén de depósito de subministro, (…) e nunca obtiveron imaxes do espazo destinado a acceso público o una vía pública”. Non obstante, as fotografías tomadas por varios medios dan conta de que as cámaras se atopaban tamén no recinto da carpa ocupado polos asistentes á festa.

A resposta non é suficiente para o Valedor, que agora reclama información complementaria para analizar máis en profundidade un asunto no que claramente se cometeu unha ilegalidade por parte da entidade municipal.

Hai que lembrar que o Concello do Grove aprobou hai unhas semanas en sesión plenaria a creación de ficheiros de datos de carácter persoal captados polas cámaras instaladas na Casa de Cultura Manuel Lueiro e no colexio Rosalía de Castro, sen contar coa autorización previa da Delegación do Goberno e o informe favorable da Comisión de Garantías, un requisito indispensable garantir que se respecten os dereitos fundamentais recollidos no artigo 18 da Constitución española, e que contan cunha especial protección por afectar á vida privada das persoas.

A xestión dos dereitos fundamentais dos cidadáns non é unha cuestión sobre a que os concellos teñan potestade, por iso se lles esixe, segundo a normativa vixente, posuír un informe favorable da Comisión de Garantías e a autorización da Delegación do Goberno. Así mesmo, teñen a obriga de dar conta á Axencia de Protección de Datos da creación dos ficheiros que conteñen as imaxes rexistradas polos dispositivos, coa finalidade de garantir o acceso, modificación e cancelación dos mesmos por parte das persoas afectadas. Estas medidas van dirixidas a protexer aos cidadáns duns mecanismos de seguridade e control altamente intrusivos na súa vida privada e que, de non estar ben regulados, poden ser utilizados con fins contrarios aos que foron deseñados.

0 comentarios:

Publicar un comentario