Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís solicita a Protección de Datos que investigue de oficio a actuación dos gardas civís no caso das citacións da clínica de abortos Isador

Written By Virgulino on 9/5/08 | 9:00

Os axentes presentáronse nos domicilios particulares das afectadas, procedendo a realizar a comunicación diante de amigos e familiares das afectadas

O Movemento polos Dereitos Civís solicitou á Axencia Española de Protección de Datos que inicie de oficio unha investigación para aclarar as posibles irregularidades cometidas polos axentes que se encargaron de notificar as citacións nos seus domicilios ás mulleres implicadas no caso da clínica de abortos Isadora. Con motivo das actuacións xudiciais e policiais que se estaban a levar a cabo algunhas mulleres foron citadas a declarar como testemuñas por axentes da Garda Civil, que se presentaron nos domicilios particulares das afectadas para notificarlle a citación, vulnerando deste xeito o dereito á intimidade destas mulleres e lexislación en materia de protección de datos.

A Axencia indicou que se trata dunha mala práctica por parte dos Corpos e Forzas de Seguranza, pero non iniciou ningunha clase de investigación co obxectivo de esixir responsabilidades pola lesión dos dereitos fundamentais recollidos no artigo 18 da Constitución, referido á intimidade, honra e propia imaxe. O organismo tan só sinalou que tomará medidas no caso de que algunha das afectadas presente unha denuncia contra os axentes. Ante a gravidade dos feitos e de cara a evitar que se volvan repetir novos atentados contra este contra a intimidade das persoas, o Movemento polos Dereitos Civís instou á Axencia a iniciar pesquisas sobre as irregularidades cometidas.

As mulleres queixáronse do tratamento recibido, pois as parellas, amigos ou familiares que estaban presentes nese momento tiveron coñecemento que tempo atrás practicaran un aborto, vulnerando os seus dereitos, pois a información de carácter íntimo dunha persoa non pode ser comunicada nin cedida a terceiros sexan estes familiares ou non. Ademais trátanse de datos especialmente sensibles, relativos á saúde das persoas e que só deben ser tratados polos profesionais da materia e non poden ser manexados á lixeira por persoas alleas, tal é como se establece na Lei 15/99 de 13 de decembro de Protección de Datos de Carácter Persoal.

0 comentarios:

Publicar un comentario