Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís presenta un informe ao Parlamento sobre a situación da videovixiancia na Galiza

Written By Virgulino on 17/5/08 | 9:00

O Movemento polos Dereitos Civís remitiu un informe ao Parlamento Galego no que recolle a situación actual en materia de videovixiancia na Galiza, así como os casos máis destacados que se teñen producido nos últimos anos. O obxectivo do MpDC é lograr que o Parlamento actúe, dentro das súas competencias, para evitar que se continúen a producir nas nosas Administracións situacións de ilegalidade, que afectan principalmente aos dereitos fundamentais de todos os cidadáns, e que ata o momento, quedaron impunes en todos os casos.

Aquí deixamos unha copia do documento remitido á Cámara galega.


Indefensión e violación do atigo 18 da Constitución: Dereito á Honra, a Intimidade e a Propia Imaxe


Dereitos Civís denuncia que a sistemática impunidade das administracións que incumpren a lexislación referida á gravación e fotografado das persoas deixa nunha situación de inseguridade xurídica a todos os cidadáns


O artigo 18 da Constitución do Estado español de 1978 consagrou os Dereitos á Honra, á Intimidade e á Propia Imaxe das persoas como Dereitos Fundamentais. Os tres Dereitos da Personalidade recollidos no artigo son, baixo o criterio da doutrina maioritaria, dos máis coidados e valorados do texto constitucional e gozan dun especial nivel de protección debido ao ben xurídico protexido. Hoxendía, o avance da tecnoloxía vai moi por diante do Dereito e da aplicación que do mesmo fan os Tribunais encargados de axuizar os distintos conflitos que se suscitan na materia.

Nos últimos 20 anos non hai discusión de que a nosa sociedade sufriu numerosos cambios, en concreto o tratamento e almacenaxe da información por medios tecnolóxicos esta a conquistar día a día máis aspectos da nosa vida cotiá. Non obstante, a normativa que regula esta materia non se axeita á nova situación social, a Lei Orgánica que regula o Dereito á Honra data do ano 1982, e a normativa en materia de vídeovixiancia do 1997. Pola súa parte os Tribunais non achegan sentencias innovadoras nin abordan as novas situacións.

A modernización dos sistemas de recollida de datos e a falla de regulamento efectivo está a provocar unha cada vez máis ampla inseguridade xurídica dos cidadáns fronte aos novos sistemas de videovixiancia e control social. Nos últimos tempos é frecuente escoitar as declaracións de reponsábeis políticos dos Concellos anunciando a instalación nas dependencias municipais de cámaras e sistemas de gravación para “reforzar a seguridade” tanto das persoas como dos edificios, sen que a eficacia destes sistemas estea probada, e moito menos, se aplique o cumprimento da lexislación vixente nesta materia. Pola súa banda, as institucións públicas encargadas de garantir o respecto aos dereitos cidadáns e as liberdades veñen obviando as súas responsabilidades coa sociedade en favor dunha política de man branda coas irregularidades cometidas polas administracións, nomeadamente coas corporacións municipais, as máis próximas aos cidadáns e polo tanto, as primeiras que deben atender as súas demandas e ollar polo íntegro cumprimento da lei.

Dende Concellos que instalan cámaras sen contar coa autorización da Delegación do Goberno ata axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade que toman imaxes dos participantes nas mobilizacións cidadáns e logo negan a súa acción, as actuacións irregulares pódense contar por ducias no noso país, sen que isto supoña un reforzo do control por parte das institución. Unha situación que o Movemento polos Dereitos Civís ten denunciado dende o comezo da súa andaina, reclamando máis medidas de control para evitar a indefensión xurídica na que se atopan os cidadáns fronte ao rexistro, difusión e arquivado da súa imaxe. A Administración é a encargada de velar polos dereitos recollidos no artigo 18 da Constitución e polo tanto é o seu cometido intervir naqueles casos nos que se infrinxiu a lei e sancionar ao organismo culpábel. Para iso deberá deixar de actuar dun xeito corporativista, agochando e respaldando as políticas baseadas no abuso de dereito e nas mentiras, e comezar a esixir respostas que se axusten ao marco xurídico de cara a permitir aos cidadáns tomar as medidas oportunas cando os seus dereitos son vulnerados. Doutro xeito o acto de negar un feito por parte dunha entidade, cuxa veracidade non se comprobou, estaría anulando calquera acción legal emprendida a iniciativa dun colectivo ou particular social.



Cámaras ilegais

Os requisitos esixidos polas normas tradúcense en garantías para os cidadáns, polo que o seu incumprimento implica que o que nun principio tiña por obxecto velar pola seguridade dos particulares, convertese no causante da vulneración do Dereito, e consecuencia da súa ausencia o Dereito queda baleiro de contido. A problemática actual é que os organismos encargados de velar polo cumprimento deses requisitos, e que na nosa CCAA son: A Delegación de Goberno de Galiza, a Axencia Española de Protección de Datos e en última instancia o Defensor del Pueblo como ente independente que ten encomendado velar polo adecuamento da Administración Pública á normas vixentes, fan a vista gorda á hora de facer cumprir cos citados requisitos aos organismos, polo que se está a converter en conduta habitual a instalación de dispositivos que captan imaxes e sons que non revisten da legalidade esixida. Este é un problema grave que esta a conseguir que a nosa sociedade considere “normal” a perda de intimidade constante, e a cesión dos nosos Dereitos en virtude dunha falsa seguridade.

Fronte a isto cabe destacar a actuación da Delegación do Goberno en Andalucía, así como da Comisión de Garantías do Tribunal Superior de Xustiza desa Autonomía. Nos últimos meses, estes dous organismos denegaron sistematicamente a concesión de autorizacións para a instalación de videocámaras aos municipios de Granada e Puerto Banús, por considerar que o seu alto grao de intromisión na privacidade das persoas non se adecúa aos fins buscados e entender que a seguridade cidadá non pasa por un rexistro constante da súa actividade no espazo público, nin estas cidades se atopan nunha situación tan extrema de conflitividade como para necesitar da criminalización xeralizada de todos os seus cidadáns. Por esta razón, non se entende que a Delegación do Goberno na Galiza autorice indiscriminadamente e a posteriori os dispositivos xa instalados polos Concellos galegos, que non axustan ao principio de proporcionalidade, e non teña problema en renovar a concesión daqueles sistemas que demostraron unha total ineficacia.

Neste senso, tamén vale destacar o caso do Reino Unido. As intencións das autoridades de crear unha rede estatal de videovixiancia resultaron un “fracaso total”, segundo afirmou o propio xefe da sección de videovixiancia da Policía Metropolitana de Londres, Mike Neville. Este complexo sistema de control cidadá, no que se inverteron millóns de euros, no axudou a reducir a criminalidade nin a resolver os delitos, posto que o “efecto disuasorio” que se buscaba resultou inoperativo.

Unha das situacións máis aberrantes que están a ocorrer en materia de videovixiancia hoxendía, tanto pola infracción legal que comporta, como pola súa xeneralización, é que aínda que antes de proceder á instalación dos dispositivos é preceptiva a autorización da Delegación do Goberno así como un informe favorable da Comisión de Garantías, ningún dos Concellos galegos compren con estes requisitos senón que primeiro instalan as cámaras e despois ante a insistencia e denuncias de esta asociación, póñense en contacto coa Delegación do Goberno, que lonxe de reprimilos, legaliza un acto nulo de pleno Dereito por afectar aos Dereitos Fundamentais da persoa e faise así cómplice, impedindo que a Lei Orgánica cumpra coa súa finalidade.

A proliferación do emprego das cámaras de videovixiancia é unha das cuestións que máis preocupan ás asociación de Dereitos Civís. O sistemático incumprimento da Lei que regula a instalación destes obxectos é unha constante nos municipios galegos, polo que a miúdo se teñen elevado queixas ante os organismos competentes, tais como a Delegación do Goberno, o Valedor do Pobo ou a Axencia Española de Protección de Datos, responsábeis de ollar pola salvagarda dos dereitos dos cidadáns, especialmente daqueles cualificados como “Fundamentais” na Constitución Española. Non obstante, que garantías xurídicas atopan os cidadáns se un concello que incumpre a lexislación pode escusar a súa acción argumentando que os dispositivos non recollen imaxes a pesar de estaren instalados sen autorización? Exemplos destas situacións atopámolos en municipios como Ares, O Grove, A Coruña ou Ribeira, onde, co gallo das investigacións iniciadas por algún dos organismos citados, os responsábeis políticos apresuráronse a negar que as cámaras denunciadas tomasen imaxes dos cidadáns, que simplemente exercían unha “función disuasoria”. Na meirande parte dos casos esta resposta difusa, e que supón un fraude de lei, foi suficiente para pechar o expediente, sen necesidade de que as entidades locais presentasen probas para confirmar as súas afirmacións, así como tampouco se realizou a comprobación da suposta inoperatividade dos dispositivos. Tan só nun caso o Defensor del Pueblo, tras as reiteradas queixas e demandas transmitidas polo MpDC, remitiu un escrito ao Concello de Ares para instar á Corporación a retirar as cámaras instaladas no exterior do Consistorio, e lembrou á entidade, que o feito de que unha cámara non rexistre non é razón suficiente para obviar a normativa. Non obstante, esta converteuse ata o momento na única actuación “sancionada” dende a Administración, aínda que a limitada acción do Defensor non implica obriga para os Concellos.Para maior gravidade, despois de varios meses de proceso, a Delegación do Goberno na Galiza optou por emitir unha autorización para as mencionadas cámaras.

Outra das respostas coas que se atopou Dereitos Civís nas súas pesquisas referíanse á tramitación dos permisos no mesmo momento no que as cámaras estaban sendo instaladas, ou posteriormente. Isto tamén supón unha ilegalidade, a pesar de que a propia Delegación recorreu ás “boas intencións” dos gobernos municipais cando a asociación lle dirixiu escritos mencionando a irregularidade das cámaras. O feito de que a institución titular da cámara negue a existencia de imaxes impide aos cidadáns que foron gravados que poidan acceder aos arquivos gráficos ou mesmo emprender accións derivadas da violación dos dereitos recollidos no artigo 18 da CE, creando deste xeito unha situación de inseguridade xurídica difícil de solucionar. A este respecto cabe ter en conta aquelas circunstancias nas que as cámaras foron empregadas por membros dos Corpos e Forzas de Seguridade para outros fins ben distintos á seguranza, vulnerando a intimidade dos cidadáns, sen que por isto fosen obxecto de sanción.


Xeralización das cámaras

A continua denuncia que ven realizando Dereitos Civís en relación cos dispositivos de videovixiancia levou a que os concellos involucrados reclamaran a legalización das cámaras xa instaladas perante a Delegación do Goberno (Estación de Autobuses de A Coruña, Cámaras da Zona Vella de Santiago de Compostela e Cámaras do Consistorio do Concello de Ares) logrando as mesmas. Nas autorización outorgadas non se valoran a idoneidade e a proporcionalidade dos dispositivos para lograren os fins que se di buscar (extremos que obriga a lei), non se valora tampouco o feito de que as cámaras levan meses instaladas sen autorización e a raíz destes feitos se solicitan para fins tan peregrinos como para evitar que se durma nalgunha esquina dunha rúa (concello de Lugo) ou o control do servizo da ORA (Vigo)

A permisividade por parte da Delegación do Goberno en Galiza en relación con ese asunto leva a instalación destes dispositivos en lugares de especial sensibilidade por canto afecta a menores, como os colexios CEIP MAR DE FORA de FISTERRA, o COLEXIO ROSALIA DE CASTRO DE O GROVE ou o CEIP SAN XOSÉ OBREIRO de Meicende, en ARTEIXO que dispoñen destes dispositivos sen ningún tipo de control sobre as gravacións captadas. Incluso o concello de Lugo ten interese en instalalas para vixiar os parques infantís. O último asunto sobre o que tivemos coñecemento foi a instalación de cámaras por parte da Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, sen autorización e en contra dos criterios dos veciños que viven no edificio onde foron instaladas as cámaras.


Cámaras de Tráfico

Como apoio as cámaras de videovixiancia, que deben dispor das autorizacións da Delegación do Goberno para realizar as labores de seguridade cidadá, están as cámaras de trafico (que pola súa labor de control do tráfico non necesitan de autorización) que se instalan, supostamente para o control do tráfico, pero logo se utilizan para outros fins. En localidades como Ribeira, Santiago ou A Coruña estas son utilizadas para labores de seguridade cidadán.

En Ribeira gravouse a dúas persoas nunha pelexa e facilitouse as imaxes aos medios de comunicación, no caso de Santiago utilizáronse para vixiar unha concentración sindical na praza de Galiza e en A Coruña para vixiar aos funcionarios que estaban acampados nunha protesta.


Imaxes ficticias

Ás cámaras fixas de videovixiancia súmanse novos sistemas para rexistrar datos como as cámaras dixitais ou os teléfonos móbiles, empregados nos últimos tempos pola Policía tanto para identificar aos suxeitos como para “previr” posibéis denuncias por abuso de forza. En maio de 2006, Dereitos Civís denunciou que a Policía Local de Vigo tomara imaxes fotográficas dun grupo de cidadáns que protestaban diante do Concello ao negárselle o acceso a un Pleno. Meses despois, o concelleiro delegado de Seguridade declaraba que os axentes realizaron unha toma fotográfica sen carrete, só para crear medo a seren identificados aos manifestantes máis molestos coa actuación policial. Segundo a Lei Orgánica 4/1997, que regula a captación de imaxes en lugares públicos, establécese que esta autorización previa das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado corresponde á máxima autoridade provincial, neste caso o Subdelegado do Goberno en Pontevedra. Ademais, a captación das mesmas debe rexerse polo principio de idoneidade e tamén de intervención mínima, valorando que sexa a mellor opción para os fins propostos. A contradición chega cando se descubre que as cámaras son dixitais e polo tanto non precisan carrete fotográfico para recoller imaxes. Unha situación semellante deuse en Xinzo Limia durante unha manifestación. Daquela, un Garda Civil tomara fotos coa cámara do seu móbil aos participantes, aínda que, unha vez comprobada a ilegalidade da súa acción, mentiu na investigación que se realizou a posteriori e asegurou que só empregaba o móbil para anotar o número de participantes, a pesar dos testemuños que o viron rexistrando imaxes e mesmo lle indicaron que deixara de facelo.

Tamén no Concello de Vigo o goberno saíu a desmentirse a si propio despois de que unha cámara instalada por unha empresa privada para controlar unha figura da exposición Cow Parade fose empregada para identificar a un individuo. Ao percibir a ilegalidade cometida, o goberno sinalou que o mozo resultara identificado persoalmente por unha patrulla de axentes municipais que pasaban polo lugar no momento dos feitos. Outra vez cáese nunha contradición que tanto o Valedor como Protección de Datos deron por válida sen comprobar a súa veracidade.

Situacións e casos como os expostos dan conta da indefensión xurídica na que se moven os cidadáns fronte aos novos sistemas de control dos individuos, xa que a Administración non é quen de autorregularse, cumprindo a normativa vixente nesta materia, nin está disposta a actuar cando as institucións vulneran os dereitos e as liberdades das persoas. A salvagarda da intimidade e o control sobre a propia imaxe deberían ser dous aspectos a ter moi en conta pola administración pública nun momento no que a tecnoloxía permite apropiarse e modificar a imaxe allea con facilidade e no que os novos medios de comunicación permiten difundir os contidos dun xeito instantáneo e case ilimitado.

Por último resulta necesario aclarar chegado este punto que baixo o criterio do MpDC, non existe en ningún dos lugares dos que actualmente contan con mecanismos para a recepción e tratamento de arquivos gráficos ou sonoros, un criterio lóxico e proporcional para a súa instalación e posta en funcionamento, por isto e por todo o antes exposto é urxente que se establezan novas formas de protección do individuo fronte ao avance tecnolóxico.

0 comentarios:

Publicar un comentario