Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís preguntará a Subdelegación de Goberno de A Coruña cando vai comezar a tomar medidas contra as infraccións cometidas pola Administración

Written By Virgulino on 6/5/08 | 16:25

A institución multou ao patrón maior da confraría de pescadores polos cortes de tráfico protagonizados polos mariscadores da Ría do Burgo

O Movemento polos Dereitos Civís dirixirase á Subdelegación do Goberno da Coruña para preguntar cando vai comezar a tomar medidas contra as infraccións cometidas pola Administración, logo de que a institución multase ao patrón maior da confraría de pescadores, Manuel Cao, polos cortes de tráfico protagonizados polos mariscadores na Ría do Burgo nos últimos meses. As sancións súmanse ás multas remitidas pola Garda Civil e a Policía Nacional e en total ascenden a case 7.000 euros.

A Subdelegación aplica todo o rigor da lei contra uns cidadáns que saíron á rúa para defender o seu lexítimo dereito a un traballo digno mentras ignora as infraccións cometidas polas administracións provinciais e que non son obxecto desta “rigorosidade” coa legalidade. De feito, Dereitos Civís preguntará á Subdelegación por que non se abriron expedientes administrativos aos alcaldes que tomaron o Parlamento pola forza durante a celebración dun Pleno (o cal está prohibido pola actual lexislación) ou por que en vez de sancionar ao Concello da Coruña por ter instaladas cámaras de videovixiancia sen autorización lle concedeu o permiso logo de que os dispositivos estivesen gravando de xeito ilegal durante medio ano. Ou por que tampouco tomou medidas contra o goberno de Ares por ter videocámaras sen autorización.

Unha vez máis, semella que a “rigorosidade coa convivencia da lei” (en palabras do subdelegado en Pontevedra, Delfín Fernández) só se aplica aos cidadáns, que na maioría das ocasións atopan nas concentracións e manifestacións a única vía efectiva para seren escoitados e atendidos polas administracións, que deberían ser as valedoras e garantes dos dereitos e liberdades dos seus administrados. Non obstante, cando son as institucións públicas e os seus representantes as que cometen ilegalidades, vulnerando directamente os dereitos fundamentais dos individuos, a man dura vólvese laxa e o principio de igualdade ante lei fica inexistente.

0 comentarios:

Publicar un comentario