Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís denuncia a sanción imposta pola Subdelegación a dous mozos acusados de “participar” nas concentracións diante da COPE en Pontevedra

Written By Virgulino on 23/5/08 | 11:17



Os axentes solicitaron aos rapaces que se identificasen unha vez disolta a mobilización e trasladaron a un deles á comisarían, onde recibiu un trato vexatorio por utilizar o galego

A Xunta considera que situacións como esta resultan “intolerables dentro dun estado democrático de dereito”


Dereitos Civís quere denunciar a actitude arbitraria que está a levar a cabo a Subdelegación do Goberno en Pontevedra a respecto das mobilizacións sociais. A asociación tivo coñecemento esta semana da sanción imposta pola institución a dous mozos, acusados de participar “activamente en una concentración no comunicada” e “desobedecer los mandatos de los axentes de la autoridade”.


Entre as dúas infraccións suman 1.100 euros, unha cantidade que resulta a todas luces desproporcionada para a infracción atribuída. A Subdelegación entende que ambos os mozos cometeron unha infracción por exercer o seu lexítimo dereito de reunión.

A este respecto cabe destacar que un dos homes sancionados nin sequera participou na concentración, senón que apareceu polo lugar unha vez remata a mesma, polo que acusalo de “participar nunha concentración” resulta cando menos, sorprendente.
Unha vez que a concentración xa estaba disolta, os axentes achegáronse a eles solicitándolles que se identificaran. Polo que os rapaces preguntaron o motivo polo que deberían mostrar a súa documentación, xa que a policía só pode solicitar a identificación se existen indicios de que se está a cometer un delito, unha circunstancia que non se daba naquel intre.

Ante a negativa á identificarse dun dos implicados, os axentes trasladárono á comisaría onde sufriu un trato vexatorio e desprezativo, chegando a afirmar que os policías que non “entendían” o idioma no que falaba e vulnerando así os seus dereitos lingüísticos. Unha actuación fóra de lugar por parte dos axentes que pon en evidencia o seu correcto funcionamento e na contra do disposto na Lei 2/86 de 13 de marzo, que regula as Forzas e Corpos de Seguranza.


Infraccións

Segundo establece a normativa, as concentracións e manifestacións non precisan de autorización, senón dunha simple comunicación, e iso sempre que se xunten no mesmo lugar máis de 20 persoas. No caso de que non exista comunicación previa, as autoridades poderán decidir se disolven a mobilización, pero sempre e cando exista un perigo real para as persoas ou bens, pero non se recolle como infracción á asistencia ás mesmas e de ningún xeito se lle outorga responsabilidade administrativa aos participantes en mobilizacións .

A multa imposta pola Subdelegación resulta desorbitada e a súa actitude profunda na política levada a cabo pola institución no noso país de progresivo recorte dos dereitos e liberdades dos cidadáns baixo unha suposta “garantía” da seguridade cidadá. Esta conduta resulta “innovadora” dentro do eido das sancións administrativas, pois poucos casos se teñen dado de multas á participantes en convocatorias, xa que esta actitude merma o estado de dereito e supón un paso atrás na consolidación dos dereitos fundamentais dos individuos.


“Situacións intolerables”


Pola súa banda, o goberno galego manifestou que situacións como estas resultan “intolerables” dentro dun estado de dereito, nunha resposta trasladada ao Parlamento a petición do deputado Bieito Lobeira. Aínda que recoñece que a Xunta non ten competencias en materia de seguridade cidadá, indica que o “Goberno de Galiza non ten ningunha dúbida de que no marco do procedemento xudicial aberto se esclarecerán todas as circunstancias do acontecido durante a manifestación”.

0 comentarios:

Publicar un comentario