Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís ameaza con colapsar a Axencia española de Protección de Datos co envío masivo de denuncias contra cámaras de vixilancia

Written By Virgulino on 16/5/08 | 17:17

O organismo afirma ter apenas 14 inspectores e unha aplicación informática que non permite seguir máis dun caso por denunciante.
A AEPD solicitou a Dereitos Civís que limite o número de escritos remitidos.


O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) acaba de anunciar que iniciará un envío masivo de denuncias contra cámaras de vídeo vixilancia á Axencia española de Protección de Datos (AEPD) a fin de saturar os sistemas do organismo. O colectivo decidiu tomar esta medida ante o atraso que acumulan os expedientes tramitados na AEPD, especialmente nas denuncias referidas a situacións de vídeo vixilancia irregular.

MpDC sinala que os expedientes tardan en resolverse ata 23 meses, unha demora que a asociación considera inaceptable, dado que, durante ese período estanse vulnerando sistematicamente os dereitos fundamentais dos cidadáns recollidos no artigo 18 da Constitución española, referidos á honra, a intimidade e a propia imaxe.

“Queremos que se tomen medidas reais contra a proliferación descontrolada de cámaras. Se a Axencia non axiliza as súas xestións e toma medidas en conxunto contra as Administracións que teñen cámaras irregulares comezaremos a presentar denuncias masivas contra as cámaras privadas instaladas nas rúas”, afirma o portavoz de Dereitos Civís, Renato Núñez.

O obxectivo da asociación é que a AEPD asuma que existe un problema de control na proliferación e uso dos dispositivos tecnolóxicos de gravación de cidadáns e que as Comisións de Garantías que deben resolver os informes favorables para aprovar as autorizacións das cámaras sexan máis estritos á hora de valorar a utilidade destes dispositivos.

Na Lei 4/1997 de 4 de Agosto pola que se regula a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos, recóllense os principios que deben presidir a utilización das cámaras e afírmase que é necesario cumprir o requisito de proporcionalidade, que se traduce en Idoneidade e Intervención Mínima. Isto significa que os dispositivos só pódense utilizar cando resulten ser o medio máis eficaz e non existan medios menos intrusivos na vida privada para garantir a seguridade. Así mesmo, os organismos que teñan previsto crear un ficheiro de imaxes deben comunicalo á AEPD a fin de constar no rexistro da mesma. Aínda que en ningún caso poderase proceder á instalación de videocámaras se non se obtén previamente o informe favorable dunha Comisión de Garantías e a autorización da Delegación do Goberno correspondente.

Non obstante todos os requisitos esixidos pola lei, Dereitos Civís ten constatado que se está producindo unha instalación masiva de cámaras ilegais cuxos fins para a seguridade non están xustificados nin demostrados, e que, pola contra, vulneran os dereitos fundamentais dos individuos, que por ser fundamentais están suxeitos a maior protección.

0 comentarios:

Publicar un comentario