Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As cámaras de vixilancia da Praza do Humor demostran unha vez máis a súa ineficacia

Written By Virgulino on 20/5/08 | 12:24

As cámaras de videovixilancia instaladas na Praza do Humor da Coruña volveron a demostrar a súa ineficacia a pasada fin de semana. Como xa viña ocorrendo noutras zonas suxeitas a videocontrol, os dispositivos non lograron evitar que se producise unha agresión no lugar que estaban a gravar nin, polo que se saiba, axudaron a identificar aos implicados no altercado. Os dispositivos non evitaron que se desenvolvera unha pelexa na que un home de 36 anos resultou cun corte no pescozo. Pola contra, ao día seguinte, o Concello reforzou a seguridade na Praza desprazando a un maior número de efectivos da Policía Local , co fin de previr novos altercados e controlar a venda ilegal de alcohol a menores nos supermercados. Unha decisión que se mostrou máis axeitada, xa que un bo número de rapaces optou por dispersarse por varios puntos da cidade.


Dereitos Civís pregúntase que sentido ten manter as cámaras de videovixilancia cando xa se demostrou que o seu “efecto disuasorio” sobre as persoas que se reúnen na Praza do Humor para facer “botellón” resultou ser nulo, mentres que pola contra, constitúe unha ameaza continua para a intimidade dos cidadáns que transitan pola praza, así como para os residentes nesa zona. A asociación recorrerá a autorización dos dispositivos, xa que non cumpren co principio de Idoneidade marcado pola normativa nesta materia posto que se demostrou que a monitorización da mocidade non é o mellor método para evitar o “botellón” e as súas consecuencias.


A falla de efectividade das cámaras da Praza do Humor suman un chanzo máis na listaxe de dispositivos que non están a cumprir cos obxectivos para os que foron colocados e que aínda así, continúan a rexistrar imaxes dos cidadáns, que, na maioría dos casos nin sequera son conscientes de que están a ser gravados, pois as cámaras carecen da autorización pertinente. O MpDC anima unha vez máis aos Concellos galegos a retirar os sistemas de videovixilancia e buscar medidas de seguridade menos intrusivas na vida privada dos cidadáns, pero que resultan máis convenientes.

2 comentarios:

Anonymous dijo...

Alguen viu o telexornal da maña de telecinco onde se falaba das cámaras de granada?

Movemento polos Dereitos Civís dijo...

Si. era o que falaba das cámaras de granada que non foron autorizadas polo TSJA. Enviamos información sobre as cámaras galegas pero non lles interesou.

Publicar un comentario