Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As autoridades europeas comezan a recoñecer o fracaso dos sistemas de videovixiancia

Written By Virgulino on 12/5/08 | 16:22

Scotland Yard admite que o complexo sistema de cámaras instaladas en Londres non axudaron a reducir a criminalidade na cidade

As autoridades europeas comezan a recoñecer a ineficacia dos sistemas de seguridade baseados na videovixiancia. Así sucedeu estes días co xefe de sección de videovixiancia da policía metropolitana de Londres, Mike Neville, quen calificou de “fracaso total” a medida e apuntou que os dispositivos non lograron reducir as índices de criminalidade na cidade.
A ineficacia das cámaras xa foi denunciada en numerosas ocasións polo Movemento polos Dereitos Civís, pois existe un interese crecente por parte dos Concellos galegos en utilizar sistemas de seguridade baseados na videovixiancia, a pesar de que non se logrou demostrar a súa efectividade nin para reducir os actos delictivos nin para axudar na posterior resolución dos mesmos. Así se puido comprobar no caso da Praza do Humor na Coruña, onde as cámaras non impediron a celebración do “botellón” ou mesmo na Praza do Toral en Compostela, onde, a pesar dos dispositivos producíronse roubos en varios comercios da zona. Ademais, na maioría dos casos, procédese a instalar estes dispositivos sen contar con autorización previa necesaria nin cumprir cos estándares esixidos para garantir o respecto polos dereitos dos cidadáns.

A este respecto cabe salientar as palabras de Melville, que indicou que os criminais "non lles temen ás cámaras", e polo tanto o “efecto disuasorio” que se pretende, e ao que tamén moitos gobernos locais se acollen para xustificar a instalación das cámaras, queda invalidado. A este problema engádeselle a cuestión do tratamento e custodia das imaxes, posto que se trata de informacións sensibles que deben ser gardadas con escrupulosidade, atendendo a Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal, e ao tempo débese permitir o dereito de acceso e cancelación destes arquivos aos individuos afectados.

Pretender mellorar a seguridade cidadá mediante sistemas de videovixiancia implica utilizar métodos altamente intrusivos nas vidas privadas das persoas, incapaces de garantir o dereito á intimidade, á propia imaxe e á honra recollidos no artigo 18 da Constitución e que, a maiores, no achegan solucións reais aos problemas de seguridade. De feito, existen medidas alternativas menos intrusivas na intimidade dos cidadáns, máis económicas e con resultados probados.

0 comentarios:

Publicar un comentario