Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo anuncia como unha novidade a posta en marcha das súas funcións

Written By Virgulino on 7/4/08 | 12:53

O Valedor do Pobo anunciou a súa intención de converterse nun “observatorio permanente» da calidade dos servizos prestados polas administracións públicas, exactamente a tarefa para a que foi creada e que xa debería estar levando a cabo, polo que resulta sorprendente que esta institución presente como unha novidade o feito de dedicarse á labor á que a súa propia constitución lle obriga. Que o Valedor teña que saír ante os medios de comunicación para explicar que vai comezar a pór en marcha as súas funcións indica o grao de desleixe no que se atopaba ata agora esta institución e a falla de garantías coas que se enfrontaban os cidadáns á hora de acudir ao organismo encargado de coidar dos seus dereitos. Movemento polos Dereitos Civís insta ao Valedor a que comece a exercer as súas funcións con urxencias e faga uso de todas as prerrogativas que lle permite a lexislación.

Así mesmo, O Valedor tamén informou que persegue que o “Código de boa conduta” reduza os prazos de tramitación xeral e, no caso de que as investigacións cheguen a «punto morto», fomentará o traslado de persoal ás administracións implicadas. Esta afirmación si que resulta unha novidade, xa que as respostas da institución a unha queixa podían demorarse meses, no caso de que tomase en consideración o escrito remitido, ou limitarse á contestación trasladada dende unha administración, sen preocuparse por aclarar todos os feitos nin comprobar as afirmación de dita administración. Benigno López tamén apuntou que nun estadio máis avanzado atópase o proxecto de converter ao Valedor na institución independente encargada de facer a avaliación periódica dos servizos públicos que se materializará nun catálogo de dereitos que está a elaborar a Xunta. Dende o MpDC solicítase que se reduzan os prazos de resposta, de xeito que se adecúen aos establecidos na lexislación vixente e que se estuden con atención todas as queixas na procura de ofrecer un mellor servizo e configurarse nun arma con verdadeiro poder, e independente, para defender os dereitos e liberdades das persoas ante os abusos e fraudes das institucións públicas.

0 comentarios:

Publicar un comentario