Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC preguntará á Subdelegación de Goberno de Pontevedra cando vai comezar a tomar medidas contra as infraccións cometidas pola Administración

Written By Virgulino on 30/4/08 | 17:42

A institución comezou a abrir expedientes administrativos aos cidadáns que participaron en concentracións, como a organizada a semana pasada diante da COPE

O Movemento polos Dereitos Civís dirixirase á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para preguntar cando vai comezar a tomar medidas contra as infraccións cometidas pola Administración, logo de que Delfín Fernández anunciase que “tolerancia cero” para os cidadáns que acudiran a concentracións non comunicadas. De feito, a institución xa comezou a enviar propostas de sancións a cidadáns que nos últimos meses promoveron mobilizacións sociais.

O MpDC lembra que para as concentracións ou manifestacións non se precisa autorización, segundo a lexislación actual, senón que basta cunha notificación á Subdelegación correspondente.

Fernández tamén asegurou que vai “ser rigorosos coa convivencia da lei", unha declaración que resulta sorprendente se teñen en conta as múltiples infraccións cometidas polas administracións provinciais e que non son obxecto desta “rigorosidade” coa legalidade. De feito, Dereitos Civís preguntará á Subdelegación que sanción recibiron os policías que dispararon contra un home inocente en Meis durante unha redada, que medidas pensa tomar contra os axentes que se inventaron un ferido nun xuízo recente, ou que sancións vai impor ao concello do Grove, a Deputación de Pontevedra (diante da sé da Delegación do Goberno) ou ao MARCO de Vigo, por teren instaladas cámaras ilegais.

Unha vez máis, semella que a “rigorosidade coa convivencia da lei” só se aplica aos cidadáns, que na maioría das ocasións atopan nas concentracións e manifestacións a única vía efectiva para seren escoitados e atendidos polas administracións, que deberían ser as valedoras e garantes dos dereitos e liberdades dos seus administrados. Non obstante, cando son as institucións públicas as que cometen ilegalidades, vulnerando directamente os dereitos fundamentais dos individuos, a man dura vólvese laxa e o principio de igualdade ante lei fica inexistente.

1 comentarios:

Publicar un comentario