Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Defensor del Pueblo continúa sen resolver unha queixa que foi presentada hai máis de ano e medio

Written By Virgulino on 14/4/08 | 13:28

O Defensor del Pueblo aínda non resolveu unha queixa presentada polo Movemento polos Dereitos Civís logo de que transcorrera máis dun ano e medio. A asociación volveuse dirixir esta semana á institución que debe valer polos dereitos e liberdades dos cidadán para demandar unha contestación sobre o caso do músico itinerante Gert Genisser. O artista asegurou ter sufrido acoso policial durante o mes de outubro de 2006 por parte dos gardas municipais durante a súa estadía en Santiago de Compostela, xa que, en reiteradas ocasións, tentaron impedirlle que tocase na rúa por non ter permiso do Concello.

A primeira medida que tomaron os axentes foi proceder ao arresto irregular de Genisser nas dependencias municipais, de onde saíu pouco despois, xa que non se pode practicar unha detención en base a unha infracción administrativa. Da segunda vez pretenderon requirirlle o seu instrumento musical e acto seguido introducírono no vehículo policial para levalo ata as aforas da cidade; finalmente acusárono de desobediencia á autoridade co obxectivo de que deixase de tocar na rúa. Ante ditos feitos, Dereitos Civís tramitou unha queixa ao Defensor del Pueblo, xa que o afectado considera que tocar un instrumento nos espazos públicos entra dentro do seu dereito de liberdade de expresión e creación artística, ao tempo que entende que a Ordenanza municipal que regula as actuacións na rúa vulnera os seus dereitos fundamentais.

A este respecto, cabe lembrar que o propio Denfensor defendeu nunha sesión ante as Cortes Xerais a non necesaria obriga de contar con autorización municipal para poder desenvolver actividades artísticas na rúa que non precisan de instalacións e nas que os seus autores só perciben o que voluntariamente desexan dar os viandantes. Non obstante, e a pesar das súas propias recomendacións, para o Defensor o caso de Gert Genisser non resulta de interese suficiente, xa que despois dun ano e medio aínda non se pronunciou sobre a queixa tramitada polo MpDC e o afectado. Esta actitude da boa conta do xeito de proceder que leva a cabo a institución que debe defender os dereitos dos cidadáns e do desinterese que mostra por determinadas cuestións, que noutros momentos foron temas a tratar polo Defensor.

0 comentarios:

Publicar un comentario