Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís presentará unha denuncia na Fiscalía Xeral do Estado polas gravacións ilegais de detidos

Written By Virgulino on 21/4/08 | 15:28

O Movemento polos Dereitos Civís presentará unha denuncia perante a Fiscalía Xeral do Estado ante as dúbidas que existen neste momento sobre a gravación de detidos por parte dos membros das Forzas e Corpos de Seguranza. O MpDC xa preguntou á Delegación do Goberno pola existencia destas prácticas ilegais no noso país, aínda que a institución nin desmentiu nin afirmou este punto, indicando a Dereitos Civís que se trata de información confidencial e que no caso de practicarse a información contida nestas gravacións “ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida”.

A alarma sobre esta práctica saltou o pasado ano cando un membro dun sindicato de policías asegurou na televisión que os axentes adoitaban tomar imaxes e gravar os detidos nas comisarías como unha medida de “precaución” ante posibles denuncias por abusos. A gravación dos arrestados sen o seu consentimento con dispositivos persoais, tais como teléfonos móbiles ou cámaras dixitais, está prohibido pola lei e constituiría un feito delictivo ao vulnerar a Lei de Videovixiancia e a de Protección de Datos.

A gravación ilegal dos detidos supón un perigo engadido para os arrestados xa que, ademais de non contar coa autorización dos afectados, as imaxes pódense filtrar con facilidade ao estaren en soportes de propiedade particular e polo tanto non suxeitas aos mesmos controis que as cámaras instaladas nas comisarías. Así mesmo, estaríanse vulnerando os dereitos recollidos no artigo 18 da Constitución referidos á honra, á intimidade e á propia imaxe e os principios básicos da actuación da Policía que se recollen na Lei de Enxuizamento Criminal, na que se estabelece que os arrestos deberán practicarse do xeito que menos prexudique ao detido na súa persoa, reputación ou patrimonio.

1 comentarios:

Jorganes dijo...

E certo que a gravación de imaxes non autorizadas pode supoñer unha invasión nos dereitos dos detidos.

Porén, este tema coido que é moi delicado, pois hai casos nos que diversas asociacións, como Amnistía Internacional, ten recomendado ao Goberno Español que utilice as gravacións para evitar torturas dos detidos incomunicados. Ademais algunha gravación xa evidenciou casos de malos tratos e vexacións a detidos, que doutro xeito quedarían impunes.

Supoño que é necesaria unha regulamentación destas gravacións para garantir por unha banda os dereitos dos detidos, e doutra a intimidade da persoa e a non utilización abusiva de ditas gravacións.

Publicar un comentario