Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís presenta unha denuncia contra o Concello do Grove pola instalación ilegal de cámaras de videovixiancia

Written By Virgulino on 8/4/08 | 10:39

A entidade municipal ten instalados dispositivos de control na casa da cultura, a pesar de non contar coa autorización pertinente da Delegación do Goberno

O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Cambados contra o Concello do Grove pola instalación ilegal de cámaras de videovixiancia fixas. A entidade local anunciaba o pasado mes de xaneiro a existencia de dispositivos na casa de cultura Manuel Lueiro Rey, así como a súa intención de colocar novas cámaras noutros edificios municipais e espazos públicos. Non obstante, segundo os datos facilitados polo Goberno central, tan só dous Concellos galegos teñen autorización da Delegación para utilizar ditos sistemas de seguridade. Ante esta irregularidade, o MpDC recorre agora á Fiscalía para que tome medidas contra o Concello e inicie un procedemento no que se investiguen todas as irregularidades que se puideran producir na instalación das cámaras instaladas na casa da cultura, incidindo na necesidade de cumprir o criterio de proporcionalidade e posuír a autorización por parte da Delegación, dous requisitos obrigatorios que a administración local non respectou.

Segundo se especifica na lexislación vixente, a utilización de cámaras ha de ser a última opción, permitíndose só cando a finalidade da vixiancia non poida obterse mediante outros medios, que sen esixir esforzos desproporcionados, resulten menos intrusivos para a intimidade das persoas. Do mesmo xeito, deben respectar o principio de proporcionalidade, que ten a súa razón de ser en que representa unha garantía para salvagardar os dereitos dos individuos; unha esixencia que, non obstante, tanto por parte dos Concellos coma da Delegación do Goberno (órgano encargado de autorizar a instalación das cámaras), se obvia con frecuencia, polo que en moitos concellos do noso territorio estanse a intalar e autorizar cámaras ilegais. Cinguirse á normativa é o único xeito de garantir o respecto polos dereitos fundamentais das persoas fronte a sistemas de seguridade cuxa eficacia non está demostrada e que resultan excesivamente intrusivos na vida privada dos cidadáns.

Dende a asociación tamén se reclama que a Fiscalía tome as medidas oportunas contra o responsable de Seguridade Cidadá que ordenou a instalación dos dispositivos, xa que nos atopamos diante dun posible delito de prevaricación, pois o concelleiro delegado ten a obriga de coñecer e cumprir a normativa nesta materia. Tanto máis se dende Dereitos Civís se está lembrando a cotío cales son os principios que se teñen que cumprir para poder proceder a instalación das cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario