Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís presenta unha denuncia contra o Concello de Ourense pola utilización indebida das cámaras de tráfico

Written By Virgulino on 2/4/08 | 10:12

El Defensor del Pueblo solicitou á asociación de defensa dos dereitos civís que remitise toda a documentación sobre o asunto para proceder a iniciar unha investigación

Dereitos Civís vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense por mor da indebida utilización das cámaras de tráfico por parte do Concello das Burgas. A asociación agarda que o fiscal inicie un procedemento polo que se investigue o uso ilegal que se está a facer destes dispositivos para fins de videovixilancia, sen contar coa debida autorización, logo de que o propio goberno local recoñecese este feito, a pesares de carecer da autorización correspondente por parte da Delegación do Goberno. Nun escrito remitido pola Concellería de Tráfico e Seguridade ao Movemento polos Dereitos Civís, o responsábel político afirma que as videocámaras “cumpren un dobre obxectivo: o principal é a protección da seguridade cidadá e o secundario (que ven definido na disposición adicional 8ª) é a vixilancia do tráfico”. Non obstante, e segundo os datos trasladados dende o Goberno central, tan só dous concellos galegos contan con autorización para ter instalados dispositivos de control: A Coruña e Santiago, polo que o goberno ourensán estaría a utilizar dun xeito fraudulento e ilegal as cámaras, xa que carece dos permisos necesarios, entre eles o informe favorábel dunha Comisión de garantías.

Ao mesmo tempo, a asociación que defende os dereitos dos cidadáns acaba de recibir un escrito do Defensor del Pueblo no que lle solicita que remita toda a documentación de que dispón acerca deste tema coa fin de iniciar as oportunas actuacións.

Filtración de imaxes

As accións de Dereitos Civís comezaron o pasado 15 de agosto, cando saíu publicada unha información na que se recollía que as cámaras que vixían o tráfico nas rúas da cidade das Burgas axudaron á detención dun fugado da policía. Non obstante, as imaxes empregadas para a detención foron difundidas nos medios de comunicación, vulnerando así os preceptos da normativa que lle afecta relativos á defensa dos dereitos fundamentais, protección de datos e boa práctica das actuacións da Policía Xudicial e demáis Forzas e Corpos de Seguridade.

Tal e como figura na Lei Orgánica 4/1997, o uso para o que están autorizadas as cámaras de tráfico é “para o control, regulación, vixilancia e disciplina do tráfico nas vías públicas”. Polo que resulta moi discutible, tal e como pretendeu constatar o concelleiro de seguridade ao MpDC, que, conforme a lexislación actual se poida empregar unha cámara destinada a vixiar o tráfico para a detención dun individuo. Na mesma liña, no apartado 5 do Artigo 7 da Lei 15/99, de 13 de Decembro, de Protección de datos de carácter persoal, recóllese que os datos de carácter persoal relativos á comisión de infraccións penais ou administrativas so poderán ser incluídos en ficheiros das Administracións Públicas competentes e nos supostos previstos nas respectivas normas reguladoras. Ademais figura expresamente prohibida a cesión destas imaxes e sons. Non obstante, as imaxes do detido foron filtradas e reproducidas polos medios de comunicación, sen que se tivesen en conta os dereitos do afectado.

Por este motivo, Dereitos Civís, diríxese agora á Fiscalía para que tome as medidas disciplinarias respecto dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade que infrinxiron o procedemento de tratamento de imaxes e deber de segredo, así como para que aclare as responsabilidades do concelleiro seguridade cidadá que ordenou a instalación das cámaras sen contar coa preceptiva autorización da Delegación de Goberno.

0 comentarios:

Publicar un comentario