Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís diríxese ao Concello do Grove para denunciar as irregularidades en materia de videovixiancia

Written By Virgulino on 28/4/08 | 9:00

O Movemento polos Dereitos Civís remitu un escrito á Corporación municipal do Concello do Grove para lembrarlle as graves irregularides que o goberno está a cometer en materia de videovixiancia. Durante o Pleno de hoxe debaterase aprobación dunha Ordenanza para a creación de ficheiros de datos de carácter persoal captados por cámaras con fins de videovixianza. Un paso adiante nesta materia sen contar coa autorización da Delegación do Goberno podería derivar en graves consecuencias para os responsables das mesmas, así como en vulneracións de Dereitos para os particulares.

A continuación reproducimos o escrito enviado o pasado venres ao Concello do Grove:


Á Corporación Municipal do Concello do Grove:
Dende a asociación galega Movemento Polos Dereitos Civís vémonos na obriga de informar unha vez máis á Corporación Local do Concello do Grove acerca das ilegalidades que está a cometer en materia de videovixianza, xa que estas poden derivar en graves consecuencias para os responsables das mesmas, así como en vulneracións de Dereitos para os particulares.

O próximo luns 28 de abril de 2008, o Pleno da Corporación decidirá sobre a aprobación dunha Ordenanza para a creación de ficheiros de datos de carácter persoal captados por cámaras con fins de videovixianza.

O proxecto de Ordenanza a aprobar recolle o aproveitamento das cámaras sitas na Casa da Cultura e no Colexio Rosalía de Castro coa finalidade de protexer o patrimonio do Concello así como aos profesionais e usuarios dos lugares vixiados. Pois ben, resulta totalmente contrario a Dereito a aprobación desta Ordenanza unha vez as cámaras xa están instaladas, como así é o caso que nos ocupa, xa que como recolle de xeito preciso a normativa vixente na materia (Lei Orgánica 4/1997, de 4 de agosto):

-Artigo 3.2 “As instalacións fixas de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e das Corporacións Locais serán autorizadas polo Delegado do Goberno na Comunidade Autónoma de que se trate, previo informe dunha Comisión da cal a presidencia corresponderalle ó Presidente do Tribunal Superior de Xustiza da mesma Comunidade.

A composición e funcionamento da Comisión, así como a participación na mesma dos municipios, determinarase regulamentariamente.”



-Artigo 3.3 “Non poderá autorizarse a instalación fixa de videocámaras cando o informe da Comisión prevista no apartado 2 deste artigo estime que dita instalación supoñería unha vulneración dos criterios establecidos no artigo 4 da presente Lei Orgánica.”

-O artigo 4 recolle os criterios de autorización de instalacións fixas e afirma que “Para autorizar a instalación de videocámaras terase en conta, conforme ó principio de proporcionalidade, os seguintes criterios: asegurar a protección dos edificios e instalacións públicas e dos seus accesos; salvagardar as instalacións útiles para a defensa nacional; constatar infraccións á seguridade cidadá, e previr a causación de danos a persoas e bens.”

Polo tanto, fóra de que o medio elixido para garantir a seguridade sexa demasiado gravoso para unha vila coma o Grove incumprindo así coa proporcionalidade que marca a Lei, o feito de que as cámaras foron instaladas antes de solicitar a preceptiva autorización da Delegación do Goberno, e sen contar co informe favorable da Comisión de Garantías, fan que o acto da instalación sexa Nulo de Pleno Dereito actuando a corporación en Vía de Feito, polo que adoecerán de nulidade todos aqueles actos que, como é o caso desta Ordenanza, sexan consecuencia de dita vulneración de Dereito.

Como esta asociación xa informou anteriormente ao Concello do Grove, os requisitos que esixe a normativa para poder instalar cámaras para a vixilancia, e que ata o momento neste caso non se cumpriron, tradúcense en garantías para os particulares, polo que o resultado da incompetencia da Corporación é a vulneración do Dereito á Intimidade de aqueles aos que afirma intentará protexer.

Resulta necesario aclarar que esta asociación conta no seu poder con probas de que as cámaras instaladas, que o Alcalde afirma que non están en funcionamento, en efecto gravaron, e poñerase en coñecemento da autoridade competente, para que se esixan as responsabilidades acaecidas neste caso.


Para o axeitamento a Dereito da creación de ficheiros que inclúan datos de carácter persoal resultaría necesario a retirada das cámaras xa instaladas e observar todos os requisitos que marca a Lei no tempo oportuno. De ser ese o caso dende o MpDC apelamos ao bo criterio da Corporación para que busque alternativas menos gravosas para salvagardar a seguridade dos seus cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario