Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereito á intimidade e listados públicos

Written By Virgulino on 15/4/08 | 18:17

G. Carballo, xornalista do MpDC

O Dereito á intimidade, a honra e a propia imaxe constitúe un dos artigos da Constitución Española máis a miúdo vulnerado polas administracións públicas, unha actitude á que se suman os medios de comunicación na súa ansia por acadar maiores cotas de audiencia. A Lei de Protección de Datos maniféstase inútil para defender aos cidadáns perante os modos cada día máis estendidos da penetración do audiovisual na vida privada. Dende as imaxes captadas polas cámaras de vídeo vixilancia que acaban sendo portada da prensa ata o intercambio de datos de usuarios entre os servidores de internet, a información de carácter persoal atópase cada día máis indefensa co beneplácito daquelas institucións creadas para a salvagarda estes dereitos e liberdades.

O anuncio do Goberno de crear un rexistro público de pederastas enmárcase dentro desa actitude de conculcar os dereitos fundamentais dos cidadáns por parte da administración sen que promova unha actitude crítica entre a sociedade, afeita xa a non reclamar o estrito cumprimento das súas seguranzas. Un rexistro desta caste, tal e como se pretende facer un listado de persoas afectadas polo virus do VIH, suporía unha clara violación dos principios estabelecidos na Lei de Protección de Datos, que di no seu artigo 10 que “os datos de carácter persoal relativos a comisión de infraccións penais ou administrativas só poderán ser incluídos en ficheiros das administracións públicas competentes nos supostos previstos nas normas reguladoras”. É dicir, a normativa actual non recolle a posibilidade de crear un rexistro público no que se inscriban os nomes daquelas persoas, entendemos que con condena firme por pederastia, xa que doutro xeito a Administración estaría pasando por riba da presunción de inocencia.

Unha mostra clara da escasa funcionalidade desta medida radica precisamente no propio caso que suscitou o estudo da creación deste ficheiro. O agresor da pequena Mariluz tiña unha condena por pederastia máis por un erro xudicial non se decretou o seu ingreso en prisión. A pregunta que cabe facerse neste caso é de que serviría un rexistro público no que aparecese a fotografía e o nome do criminal se existe unha sentenza que o maxistrado non fixo cumprir? Xa que logo agardase incitar ao “linchamento” popular destas persoas? Ficheiros identificativos de pederastas condenados non evitarían novos casos de abuso de menores e en troques poderían supor un escusa para promover actitudes discriminatorias e segregacionistas de cara ás familias destas persoas.

A medida pode entenderse como un complemento á pena ditada, a modo de desacreditación pública. Mais neste caso, habería que modificar o Código Penal para incorporar este suposto e sempre e cando se contase cun consenso social amplo. A administración non debe tomar unilateralmente decisións que afectan a dereitos fundamentais dos cidadáns sen realizar unha análise asisada das consecuencias destas actuacións. Antes de tomar medidas de carácter mediático e populistas habería que comezar por regular o correcto funcionamento da administración da xustiza no Estado, demostrou ter enormes eivas no seu procedemento máis básico.

4 comentarios:

Diego dijo...

Saúdos!
Recentemente escribín un artigo no que informo sobre as ordes da Guarda Civil para recoller datos dos que usen determinados símbolos galegos, para o que tomei a información que vostedes fornecían. Poden miralo en castelán en http://rue89.com/calle89 , evidentemente cunha linguaxe e certos termos adaptados para a comprensión por parte de non-galegos.
Está en proceso a versión francesa, que debería saír nos próximos días, o cal pode darlle certa repercusión á nova alén dos Pirineus. Honerstamente tentei difundir esta polémica que nalgúns momentos xa non me sorprende, sabendo de onde proveñen as instrucións. Espero que desfruten do texto e agradecería que me comunicasen se teñen algún motivo de desacordo coa súa publicación.
Atenciosamente,

Movemento polos Dereitos Civís dijo...

Grazas por interesarte polas nosas actividades e difundir as informacións que publicamos, pois consideramos que afectan a toda a sociedade, en tanto que a atitude da Garda Civil pon de manifesto a tendencia dos Corpos e Forzas de Seguranza a criminalizar de xeito xeralizado aos cidadáns, sen ter unha base real e fatíbel para elo.

RifleGz dijo...

So é umha estratexia máis do " gran hermano" ao que nos queren submeter.Máis policia,mais cámaras,máis vixianza...tudo controlado por se acaso se lhe revela a poboaçom.E ja nom falemos do tema dos auto-colantes.Ahí demostran a sua tiranía e as suas ganhas de aniquilar com tudo o que sone a galego.Pois o tenhen claro.Um saudo!

xosé dijo...

As deficiencias do sistema se tapan con mais e mais normas que limitan as liberdades dos cidadáns.

no caso dos veciños do eixo a xustiza demorou en condenalo pero non demorou en metelos na cárcere.

No caso de mariluz non foi asi.

Iso é o que hai que arreglar

Publicar un comentario