Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno aínda non reuniu ao Consello Autonómico de Seguridade Cidadá, logo de que pasase máis dun ano dende a última xuntanza

Written By Virgulino on 10/4/08 | 16:00

O Consello Galego de Seguridade Cidadá non mantivo aínda ningunha reunión, logo de que pasase máis dun ano da súa última xuntanza. O Delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, anunciara con grandilocuencia a creación deste organismo de consulta, destinado a converterse nun órgano de participación cidadá no que estarían representados os actores sociais máis importantes do país e que serviría para trazar os programas e estratexias autonómicas en materia de seguridade. Non obstante, e a pesar da campaña mediática, o delegado do Goberno aínda non tivo a ben convocar a ningún dos membros que configuran o Consello nin comunicar cales son as liñas xerais que está a levar a cabo a institución.

Dereitos Civís xa demandara unha xuntanza deste organismo en xullo do ano pasado, despois de que Ameijeiras declarase que Galiza se atopaba “ás portas da alerta máxima”, nun momento no que se estaba desenvolvendo unha desmesurada actuación policial, con motivo da celebración do día da Patria. Entón como agora, a existencia do Consello Autonómico revélase como unha pantomima creada para dar unha aparencia de diálogo e participación cidadá nas cuestións da seguranza, aínda que na realidade non sexa máis ca un organismo baleiro de contido.

Outra vez, batemos contra a indiferenza da administración nun asunto tan relevante como a planificación das actuacións en materia de seguridade cidadá. A este respecto cabe sinalar que nos últimos tempos o uso da forza policial converteuse no método “favorito” da Delegación do Goberno para disolver as mobilizacións da sociedade, relegando completamente o diálogo cos axentes sociais. Especialmente violentas foron as cargas contra os mariscadores da ría de Ferrol e do Burgo, que viron como as protestas a favor do seu lexítimo dereito a un traballo digno se convertían en escusas para xustificar o uso da violencia policial. Por esta razón, Dereitos Civís reclama a Manuel Ameijeiras que convoque o Consello Autonómico de Seguridade Cidadá para informar sobre as decisións que a Delegación está a tomar nesta materia e abordar conxuntamente posibles alternativas ao emprego indiscriminado da forza.

0 comentarios:

Publicar un comentario