Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación confirma que o Concello de Vigo non iniciou os trámites para conseguir autorización para instalar cámaras de seguridade

Written By Virgulino on 12/4/08 | 9:00

A entidade local anunciou a súa intención de colocar catro dispositivos de videovixiancia na rúa Venezuela, a pesar de cometer unha ilegalidade

A Delegación do Goberno en Galiza vén de confirmar que nese organismo non consta ningunha solicitude de autorización para a instalación de cámaras de videovixilancia no Concello de Vigo, tal e como viña denuncia o Movemento polos Dereitos Civís. Segundo os datos remitidos pola institución e a información trasladada no Senado polo Goberno, a día de hoxe, todos os dispositivos de gravación colocados nas rúas e exteriores dos edificios públicos da cidade olívica son ilegais, xa que carecen dos permisos necesarios e non contan co informe favorable da Comisión de Garantías. O Concello pretende instalar novos dispositivos este verán noutros puntos da cidade, como a rúa Venezuela, un feito que xa anunciou a través dos medios de comunicación, a pesar de recoñecer que non confía na efectividade dos mesmos. Non obstante, aínda non solicitou permisos a administración polo que resulta sorprendente que se atreva a afirmar que vai instalar as cámaras a sabendas de que non terá a autorización para elo. É dicir, o goberno de Abel Caballero atrévese a anunciar ben alto que vai cometer unha ilegalidade.

A maiores, e en contra da postura que manteñen outros municipios galegos, o Concello de Vigo nin sequera iniciou os trámites ante a Delegación para legalizar as cámaras; un procedemento que xa se converteu en habitual: primeiro instalar e logo conseguir a autorización. Nestes casos, as entidades locais soen escudarse no argumento de que “as cámaras non recollerán imaxes ata que teñan permisos”, o cal, e como ben lle lembrou o Defensor del Pueblo ao alcalde de Ares, non exime de seguir os procesos legais correctos. Non obstante, os responsábeis da cidade olívica non se interesan pola normativa vixente nin pola defensa dos dereitos dos seus cidadáns e indican que van instalar máis cámaras, logo de reducir o plan inicial dos dispositivos destinados a control de tráfico, xa que dubidaban da súa legalidade e eficacia.

Dereitos Civís ten comprobado que na maioría dos casos os responsables de Seguridade Cidadá dan o visto bo á instalación dos dispositivos sen ter coñecemento da Lei 4/1999 de Videovixilancia, coa certeza de que se trata dunha cuestión de ámbito local que debe ser aprobada polas Corporacións en primeira instancia e non pola Delegación do Goberno. De igual xeito, a colocación e xestión dos obxectivos déixanse en mans de empresas privadas que lles aseguran unha xestión integral das cámaras, sen que estea moi claro o procedemento a seguir no control das imaxes, así como quen vai ser o seu titular, como se van custodiar ou as garantías xurídicas que existen para manter a confidencialidade das mesmas.

Dende a asociación reclámase ao Concello que desista da súa intención de instalar novas cámaras e que retire as que existen ata que conte coa autorización correspondente. Asimesmo, insta aos responsábeis municipais que estuden outras medidas de seguridade menos intrusivas na vida das persoas e tanto ou máis efectivas.

0 comentarios:

Publicar un comentario