Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

"Os cidadáns cren que o realoxo non é o noso problema omo sociedade"

Written By Virgulino on 1/4/08 | 11:30


Santiago González Avión, responsable territorial na Galiza da Fundación Secretariado Gitano

Os últimos acontecementos vividos en Galiza por mor do realoxo de varias familias xitanas amosaron a faciana máis indesexable dunha parte da sociedade galega e as graves carencias en políticas sociais destinadas á erradicación dos espazos segregados. Santiago González Avión, responsable territorial da Fundación Secretariado Gitano, analiza as causas e as posibles solucións para que situacións como esta non se volvan producir.

MpDC: Como valoran dende a Fundación Secretariado Xitano as protestas dos veciños da Coruña e Pontevedra que se negan a acoller ás familias xitanas?


S.G.A.: En primeiro lugar hai que dicir que a virtude política do municipalismo galego é máis escasa do que pensabamos, en dous sentidos. As operacións de erradicación do chabolismo foron moi intensas nos anos 80, non obstante, esa intensidade reduciuse nos 90 e neste século aínda máis. A Lei de Erradicación do chabolismo xa non é un instrumento xurídico axeitado e aínda tardaremos en ter unha lei marco. Isto dificulta de xeito importante a posibilidade de obter solucións. De aí que o Concello de Poio actúe por unha orde xudicial e o de Coruña pola construción da Tereira Ronda, de modo que o que non estaba nas axendas de súpeto toma presenza, pero non por mérito do municipalismo.
Os alcaldes do Estado entenden o goberno dos Concellos como se se tratase dunha comunidade de propietarios. Aceptan a nova poboación de renda media e alta e rexeitan as rendas máis baixas. Gobérnase non en base ao benestar do conxunto dos cidadáns, senón tan só do municipio, como se se tratase dun condominio. Iso explica a reacción do alcalde de Pontevedra, que está cargada desta clase de concepción da municipalidade. Ata a consolidación do asentamento do Bao, existía un litixio entre os límites de Poio e Pontevedra, que pasou a pertencer ao primeiro. Mais fenómenos como este non son posibles fóra do ámbito urbano. O alcalde da cidade sae na defensa dos veciños de Monteporreiro, que actualmente están imputados por un delito de incitación ao racismo, iniciado pola Fiscalía de Pontevedra.
Os líderes o que fan é poñer na axenda política o que está na axenda dos cidadáns e dos que pagan os impostos. A actitude do alcalde pontevedrés enténdese porque hai unhas eleccións xerais e ten medo a perder os votos de Monteporreiro. Nas actuais democracias os políticos están condicionando as accións en base ao que sae nos medios de comunicación. Isto supón un grave risco para gobernar en democracia. É tremendo, porque unha asociación de veciños pode chegar a condicionar a actuación do Vicepresidente da Xunta, é a exemplificación do paso da democracia representativa á democracia mediática.
Esta modificación ten o seu aspecto positivo, é bo que se debata a cuestión do chabolismo. Galiza é a Comunidade Autónoma con maior taxa de poboados segregados, triplica a media estatal. Pero tamén ten un lado negativo: os termos nos que se produce este movemento social de “Non á miña porta”. Ninguén en público vai pedir que metan os xitanos nun campo de concentración e os gaseen, pero o que si se di é “este non é o noso problema como sociedade”. O que nos preocupa é a deriva que está tomando e a súa conexión con movementos xenófobos. Estanse a mover todos os fantasmas que non se deben utilizar porque ao final se acaban movendo masas a través de estereotipos.

MpDC: Que falla na sociedade actual para que se siga producindo un rexeitamento cara aos xitanos?


Cando hai un asentamento chabolista e non hai intervención social durante anos non se producen grandes vinculacións. Cando se acepta que un colectivo é primeiro apartado da sociedade, logo asimilado ao tráfico de drogas e electo como preferente á hora de identificar culpables e non existe intervención social, estamos enquistando un problema que acaba agora de estoupar, e digo estoupar porque non vai emparellado á vontade política municipal de erradicar o chabolismo. Non hai vontade política. O argumento base da xenofobia é o que está estamos vivindo nestes momentos. Somos os primeiro país da UE en preferencia pola vivenda en propiedade e os cidadáns comezamos a pensar en dereitos como dereitos de propietarios, de xeito que retrocedemos 120 anos en concepción democrática. Cando deixas os deberes sen facer e cando se fan sen convencemento social profundo e nunha cidadanía que interpreta os seus dereitos en termos de propiedade e non en dereitos cívicos rematase no argumento do “eu teño dereitos porque pago impostos e teño propiedade”.

MpDC: Cal é a opinión que lle merece o anunicio da Xunta de crear “poboados de transición”? Considera que é unha medida axeitada?

S.G.A.: Rexeitamos a medida como solución marco. É verdade que a construción de barrios de transición en caso de conflito social e xustificados como un elemento de educación social é posible. Pero só se debe dar en condicións extremas e sen que supoña a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas nin a criminalización do conxunto da solución. Poderíase valorar como un xeito de desactivar a parte máis negativa en casos extremos. Pero hai que establecer ese matiz. Cando levas 30 anos con grupos marxinais e sen intervención non se pode dicir que a proposta de Vicepresidencia sexa unha ocorrencia, pode ser unha posibilidade, pero sempre que haxa condicións, se realice educación familiar e se salven os dereitos subxectivos.

MpDC: Que camiños propón a FSG?

S.G.A.: A Fundación está desenvolvendo programas e iniciativas sociais de integración, pero tamén traballamos na sensibilización social. A comunidade xitana deu un cambio moi grande en 30 anos e aínda así se segue asociando á marxinalidade e á estereotipos que non se parecen a sociedade xitana actual. O coñecemento é a base da loita e o recoñecemento permite a convivencia intercultural.

Que lección debería sacar o conxunto da cidadanía?

S.G.A.: Cando eramos unha sociedade moi cohesionada podíamos vivir como se foramos os únicos. Hoxe esa peculiaridade non serve. Temos que ser capaces de acoller a singularidade entre nós e a que chega de fóra buscando unha oportunidade de vida. A convivencia non chove do ceo, e igual que nós marchamos cando as condicións para vivir eran peores, agora temos que aprender a recibir a aqueles que veñen na procura de algo mellor. Esa é a lección que temos que sacar.

0 comentarios:

Publicar un comentario