Loading...

O Movemento polos Dereitos Civís presenta demanda contra o Valedor do Pobo


A institución negouse durante anos a remitir a documentación solicitada polo MpDC, ao que está obrigada por lei




O Movemento polos Dereitos Civís vén de apresentar unha demanda contra o Valedor do Pobo, xa que esta institución negouse durante anos a remitir documentación ao MpDC sobre un asunto relativo ás liberdades civícas (a retirada de carteis pola Consellaría de Educación nos centros de ensino). O expediente fora aberto precisamente a raíz dunha queixa desta asociación.



Entendemos que non se trata dunha cuestión menor ou irrelevante, senón que simboliza perfeitamente a falta de resposta por parte das administracións ás solicitudes que a cidadanía e os organismos cívicos lle apresentan. Estase así a incumprir co dereito de petición (recoñecido expresamente na propia Constitución Española) sen que os organismos que deberan sancionar este proceder actúen adecuadamente. Neste caso, é un organismo criado para velar polos dereitos dos cidadáns o que incumpre co dereito de petición.



O MpDC basea a súa denuncia na lexislación existente, en particular na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas, que no seu artigo 37 recoñece claramente que os cidadáns teñen dereito a acceder aos rexistros e aos documentos que, formando parte dun expediente, obren nos arquivos administrativos, e no 42, afirma que o prazo máximo de resposta non poderá exceder de seis meses. O expediente, e a información sobre os demáis abertos en relación co mesmo asunto, foi solicitado en reiteradas ocasións ao longo destes anos sen receber nengunha comunicación ao respeito.



Ante esta situación, o MpDC apresentou un recurso contencioso-administrativo no Xulgado do Contencioso, que se declarou incompetente e sinalou a cuestión como competencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, decisión perante a cal o Valedor do Pobo presentou recurso. En todo caso, consideramos necesario obrigar a que o Valedor do Pobo realice, como entidade pública, un acto administrativo debido ao que está obrigado por lei, xa que non podemos renunciar a exercer os nosos dereitos a pesar da desidia de determinadas institucións.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

En relación coa Carta de Dereitos dos Cidadáns de Galiza e Lei de Acceso á Información

Do Movemento polos Dereitos Civís queremos dirixirnos a vós de novo con motivo do proxecto do goberno galego de elaboración dunha Carta de Dereitos dos Cidadáns de Galiza, que ten o propósito, manifestado na súa presentación de eliminar as actitudes de "silencio, opacidade e prepotencia" na administración pública.


Desde o Movemento polos Dereitos Civís podemos ratificar que son moitas as dificuldades coas que se atopa a cidadanía para acceder á información das diferentes administracións, apesar de que os principios constitucionais e estatutarios establecen a necesidade de que nun Estado democrático de Dereito a Administración pública sexa transparente.



Precisamente para tentar achegar solucións nesta materia, o MpDC xa expuxo un proxecto de Lei sobre o Acceso á Información en Poder das Administracións, que tenta garantir que os cidadáns e cidadás galegas poidan acceder, tanto individual como colectivamente a toda clase de información e expedientes en poder da Administración, sempre salvagardando o dereito á intimidade, a averiguación de delictos e as medidas de seguridade.

O proxecto de Carta de Dereitos dos Cidadáns non conta en principio con forza de lei. Por ese motivo pedímosvos que remitades unha petición ao Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que esa proposta non quede en papel mollado, teña forza de lei e que na mesma se inclúan as propostas presentadas polo MpDC na Lei de acceso á información.



A Petición que ofrecemos a continuación pode ser enviada por correo ordinario ou presentada en calquera rexistro de calquera Consellería ou Delegación da Xunta de Galiza.


Presidencia

Complexo Administrativo San Caetano

Santiago de Compostela

A Coruña


D. …………………………………………………………………………………. con DI…………………………………… e enderezo a efectos de notificación no local do MpDC (R/ Miguel Ferro Caaveiro nº 10 – 2º, CP 15703 de Santiago de Compostela) no exercicio do Dereito de Petición recollido na CE, diríxise ao Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e SOLICITA:



Que o proxecto de Carta de Dereitos dos Cidadáns de Galiza, actualmente en elaboración, conte con carácter vinculante e forza de lei, e que na mesma se inclúan as propostas xa presentadas polo MpDC na Lei de acceso á información.





Atentamente,


Descarga o proxecto de Lei sobre o Acceso á Información en Poder das Administracións

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

Bloquean unha web por informar sobre a represión do alcalde franquista d’Ogrobe

Xudicialízase a información sobre a represión franquista, como no proceso aberto contra Dionisio Pereira, e de novo a petición dos familiares dos franquistas
Trátase do xulgado número 2, o mesmo que admitiu a trámite a denuncia contra dous blogues no Salnés


O titular do Xulgado número 2 de Cambados, que xa manifestou a súa vontade intervencionista da rede ao admitir a trámite a denuncia do PP contra dous blogues no Salnés, decidiu clausurar parte dunha web na que o fillo do exiliado Ramón Garrido colgou os diarios do seu pai, nos que se acusaba ao alcalde franquista de Ogrobe, Joaquín Álvarez Lores, de elaborar as listas dos 'paseados'. A sala tomou esa decisión tras estudar a denuncia interposta polos familiares de, alcalde do Grove durante a ditadura de Primo de Rivera e, posteriormente, durante o franquismo.

O caso é particularmente grave na medida en que o xuíz fai seus os argumentos dos profranquistas e afirma que documentar a represión dun réxime franquista é un problema para a “honra” dos familiares: “rememorar tantas décadas despois o que mediáticamente chámase "memoria histórica" de forma revanchista, incontrolada, aviesa ou sen datos certos que acrediten o que se afirma, vulnera de forma certa a honra e fama das persoas e as súas familias». Precisamente cando vimos dun ano celebrado como “da memoria” o xuíz segue a asociar a loita contra a manipulación da historia do fascismo, e o sinalamento dos seus responsábeis, como propio dunha atitude “revanchista”. Ao igual que no recente caso de Dionisio Pereira baséase no feito de non existir unha condena firme nen fontes documentais, algo que obviamente é imposíbel de obter dun réxime ditatorial como o que nos referimos.

Do MpDC xa advertimos que as demandas apresentadas contra os blogues polo Partido Popular e a demanda contra Dionisio Pereira podían ser un indicio de que a rede molestaba en determinados sectores políticos que pretendía censula, por unha banda, e que existía unha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos para prolongar a amnesia a respeito do noso pasado máis recente e a exculpación dos fascistas polos seus sucesores e defensores, pola outra. Podemos dicer que ambas hipóteses se confirman no mesmo caso.

Ridículo resulta, polo demáis, que o xuíz considere de relevancia se poida acceder a esa información «desde calquera computador, tecleando "guerra civil no Grove" nalgún buscador». Escribir, sexa no papel ou na rede, uns nomes que foron mil veces pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie, faise para que sexa coñecido, e ninguén debería ser procesado nen censurado por iso.

Actualización: o texto censurado

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

O Concello de Compostela impide a entrada da cidadanía a un pleno municipal

A Policía Local recibe ordes directas de incumprir a lexislación, que marca que os plenos son públicos

O Movemento polos Dereitos Civís denuncia que a Policía Local de Compostela negou esta mañá a entrada a varias persoas, ante a sospeita de que fosen traballadoras da subcontrata de limpeza do Concello de Compostela. Se ben nun primeiro momento alegouse falta de espazo, unha excusa xa utilizada noutras ocasións semellantes, a continuación a Policía recoñeceu que non existía ese problema e que polo contrario existían ordes directas de “impedir o acceso por se entraban manifestantes”, como xa parecía evidente.

O Concello de Santiago usa a lexislación á carta e vulnera o dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos cando molesta o seu exercicio, ante a simples sospeita de que se tratase dunhas traballadoras que quixeran denunciar publicamente a súa situación, o que non xustifica unha indefendíbel actitude preventiva. Incúmplese así a Lei reguladora de bases do réxime local (7/1985, artigo 70) que estipula que as sesións dos plenos das corporacións locais son públicas. Esta vulneración conta co agravante de proceder dunha administración pública que en teoría debe dar cumprimento á legalidade vixente e velar polos dereitos dos cidadáns. Evidentemente, este tampouco é o camiño para solucionar os conflictos sociais e laborais.

Non é a primeira ocasión en que o Concello de Santiago impide a entrada da cidadanía ao pleno, se ben até o de agora adoitaba recurrir a un suposto problema de espazo no salón de plenos (que só se daba no caso de existir un conflicto social) e agora xa se recoñece directamente por parte da Policía Local o incumprimento da lexislación.

Na prensa: Denuncian o impedimento de Raxoi para que as traballadoras da limpeza en folga fosen ao pleno

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

Sancionados por reclamar "Freedom for Kurdistan"

Parece que a mensaxe Freedom for Kurdistan (Liberdade para o Kurdistán), exhibida nas gradas durante o encontro da Copa da Uefa entre o Celta de Vigo e o Fenerbace turco, o pasado 30 de novembro do 2006 no estadio de Balaídos, non gustou aos directivos do clube turco presentes no partido. O que é máis sorprendente é que iso provocase unha reacción inmediata da policía nacional, atenta para cortar a liberdade de expresión nun campo de xogo cando se trata de mostrar solidariedade cun pobo oprimido, e tantas veces inactiva ante a exhibición de simboloxía que si é delictiva estritamente (simboloxía preconstitucional ou racista en diversos campos do estado español).

Ademáis, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra sancionou con 4.000 euros á Asociación de Solidaridade con Kurdistán, nunha infracción administrativa cualificada como grave. De verdade considera o goberno español que é grave e sancionábel exixir o respeito para os dereitos do pobo kurdo, algo que até lle exixiu o Parlamento europeo a Turquía? Para culminar o despropósito, os denunciados nen sequera foron os autores da exhibición da pancarta, que foi exhibida por outro grupo de siareiros.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

En apoio de Dionisio Pereira

O historiador afronta unha demanda de conciliación por documentar a represión fascista

O MpDC denuncia unha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática através da xudicialización e de ataques directos contra a investigacíón histórica, a liberdade de expresión e o dereito a coñecer á verdade sobre o réxime franquista


Pódes manifestar o apoio nos correos dpereirag@terra.es, antenor53@yahoo.es


Pode parecer unha broma de carácter surrealista que pretende debuxar o mundo ao revés, pero é unha realidade macabra. O historiador Dionisio Pereira, especialista no movemento obreiro, ten presentada unha demanda de conciliación por relatar nun libro o nome dos represores fascistas en Cercedo, en concreto un xefe local de Falanxe e alcade da vila. É dicer, por escreber e divulgar o que tanta xente e víctimas da represión coñecían e murmuraron durante anos en voz baixa, silenciados polo medo.

A familia do represor fascista exixe unha retractación ao historiador que este, obviamente, se nega a conceder. A demanda baséase no feito de non existir unha condena firme nen fontes documentais, algo que é imposíbel de obter xa que a historia a escreberon (neste caso e case sempre) os vencedores, que non deixaron precisamente testemuños escritos da súa represión; do mesmo xeito, Dionisio Pereira tamén manifesta que non vai utilizar a persoas de 80 anos (as fontes orais) coa lembranza viva da represión fascista para se defender.

Do MpDC entendemos que esta demanda pode sentar un gravísimo precedente que pretende prolongar a amnesia a respeito do noso pasado máis recente e a exculpación dos fascistas polos seus sucesores e defensores, precisamente cando vimos dun ano declarado como “da memoria”. Tal e como manifesta Pereira, non se trata dun feito aillado, senón que o máis grave é que existe unha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática através da xudicialización e de ataques directos contra a investigacíón histórica e contra a liberdade de expresión, ademáis do noso elemental dereito a coñecer a verdade sobre o réxime franquista. Animamos aos colectivos e persoas a manifestar o seu apoio nos correos dpereirag@terra.es, antenor53@yahoo.es

Adxuntamos a continuación unha carta de Dionisio Pereira e da Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”.


DIONISIO PEREIRA GONZÁLEZ


11-feb-2007

A/a dos amigos /as historiadores
e responsables das asociacións de recuperación da memoria:


A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase:

"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...."

Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003.

Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno".

Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados.

En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva.

Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva.

Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda.

Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos.

Este comnicado que vos remito adxunto pode ser enviado axiña á prensa, co maior apoio posíbel de colectivos e persoas.
En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.


Saúde
Dionísio Pereira

Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”

A todos e a todas:

A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas máis ou menos recurtadas.

Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, que forma parte do colectivo “Sinhor Afranio”, implícase na tarefa de colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron agochar.

Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco (Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con outro monumento –algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas “Terra de Tod@s” de 2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro, titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por Dionisio Pereira.

Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de 2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior, provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático honre a quen participou no seu esfarelamento.

En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do “Caudillo” non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.

No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que non se repita.

Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro, “Verbo Xido” dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin fere.

¡Pola liberdade de expresión!

En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007

Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

Sobre a Carta de Dereitos dos Cidadáns

Do Movemento polos Dereitos Civís tivemos coñecimento da apresentación pública do proxecto de Carta de Dereitos dos Cidadáns de Galiza, que ten o propósito de eliminar as actitudes de "silencio, opacidade e prepotencia" na administración pública, nas palabras do Presidente da Xunta.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís podemos ratificar que son moitas as dificuldades coas que se atopa a cidadanía para acceder á información das diferentes administracións, apesar de que os principios constitucionais e estatutarios establecen a necesidade de que nun Estado democrático de Dereito a Administración pública sexa transparente. Facémolo con pleno coñecemento e en base á experiencia acumulada desde o 2002, cinco anos nos que desenvolvimos unha constante tarefa de denuncia ante as institucións correspondente ás irregularidades percebidas, así como de colaboración coa cidadanía na tramitación das queixas recibidas.

Precisamente para tentar achegar solucións nesta materia, o MpDC xa expuxo un proxecto de Lei sobre o Acceso á Información en Poder das Administracións.

Entendemos que o proxecto de Lei de Acceso á Información é complementar en moitos aspectos ao da Carta de Dereitos. En concreto, o texto apresentado polo MpDC recolle unha ampla regulación deste dereito, no que atinxe a toda a toda información escrita, visual, sonora, electrónica ou en calquer outro soporte, e que que afectaría as Administracións públicas e tamén as empresas que ofrezan servizos públicos.

O MpDC dirixirase á Xunta de Galiza e ás distintas organizacións para aportar ideas e suxerencias no proceso de redacción desta Carta de Dereitos e fará seguimento activo da evolución do mesmo.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

A Delegación do goberno non esclarece a actuación na Rúa Real da Coruña en agosto do ano pasado

A Delegación afirma que a operación foi correcta, pero non ofrece un só informe escrito e remite á cuestión á Subdelegación do Goberno

Unha operación desproporcionada contra vendedores ambulantes inmigrantes rematara con 16 detidos, varios feridos e a indignación xeralizada entre a cidadanía


O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse o ano pasado á Delegación do Goberno en Galiza para solicitar o esclarecemento dunha actuación claramente desproporcionada en agosto do 2006 na Rúa Real da Coruña. Na resposta achegada pola Delegación do Goberno afirmabase que o modus operandi fora “axeitado”, pero en canto o MpDC solicitou unha copia dos informes solicitados ou das investigacións realizadas para comprobar se a actuación foi correcta, a nova petición foi remitida á subdelegación do Goberno en A Coruña

Entendemos que é lóxico preguntarse pola existencia deses informes e desas investigacións relativas a unha actuación que se remonta até agosto, e cando os informes foron solicitados en decembro –e a investigación solicitada en setembro- , polo que tan só se trataba de envialos. O Movemento polos Dereitos Civís entende que é lóxico sospeitar que a ocultación pode deberse a unha ausencia de proporcionalidade na actuación ou que simplemente non se realizou ningunha investigación, buscando a mera xustificación das actuación policials.

Na actuación investigada polo MpDC, a Policia Nacional, coa colaboración da Policía Local, organizara un dispositivo coa presenza de axentes de paisano, furgóns, motocicletas e automóbiles para pechar a rúa e deter a 16 persoas, todas elas inmigrantes, que cada noite desplegaban diversas mercadorías na rúa, coa excusa de por fin á presunta venda de música “pirateada”; sen embargo, a operación tamén incluíu aos que vendían pezas de artesanía elaboradas por eles mesmos, e mesmo amigos que se atopaban nese lugar no momento das detencións. Por último, foi precisa a presenza de varias ambulancias para atender aos feridos e varias persoas que simplesmente paseaban polo lugar testemuñaron que chegaron a temer pola súa propia seguridade, e que mesmo recriminaron á policia a súa acción, con frases recollidas por diversos medios de comunicación como “só lles faltou entrar con tanques”.

Ao igual que no momento dos feitos, o MpDC segue a exixir o esclarecemento:

-Da proporcionalidade entre as medidas adoptada e o suposto delito que se persigue.

-Do posíbel perigo para a cidadanía que transitaba pola rúa.

-Da conformidade coa legalidade vixente do trato recebido polos detidos, e a garantía dos seus dereitos.

Atopámonos máis unha vez na clásica odisea legal de peticións, respostas baleiras e novas peticións, que na práctica impiden á cidadanía, mesmo a asociacións especializadas como a nosa, exercer o Dereito de Petición, apesar de que os principios constitucionais e estatutarios establecen a necesidade de que nun Estado democrático de Dereito a administración pública sexa transparente. Máis unha vez, lamentamos a violación deliberada do dereito da cidadanía a receber información puntual e transparente das actuacións policiais, e a negativa da Delegación do Goberno a colaborar de forma efectiva na investigación destes abusos.

Por último, o MpDC exixirá que sexa a Delegación do Goberno quen aclare o acontecido, e non a Subdelegación, pois foi o Sr. Ameijeira quen xustificou a actuación policial e consideramos que debe aportar a documentación sobre a que fundamentou as súas afirmacións.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

O Movemento polos Dereitos Civís solidarízase cos denunciados do Foro Social de Cangas

O MpDC denuncia o diferente baremo da xustiza polo cal adían os procesos xudiciais importantes (violación de bens públicos e incumprimento de leis ambientais, etc.) mentres actuan contra os activistas sociais

Vinteseis persoas están denunciadas por manifestarse en contra das obras dun porto deportivo en Cangas, seis das casi veñen de declarar recentemente imputadas por delitos de coacción. Os activistas sociais participaran das mobilizacións impulsadas polo Foro Social Cangas non se vende, parando no seu momento de forma pacífica o paso dos camións ás obras do porto deportivo do Salgueirón. O Foro foi creado en 2004 pola unión de distintas asociacións ecoloxistas, veciñais e políticas como contestación aos convenios urbanísticos de Aldán e Massó, consideradas polo Foro unha das “operacións especulativas mais grandes da historia de Galiza”.

O MpDC quer manifestar a súa solidariedade ante unha realidade tan frecuente como reiteradamente denunciada polo noso organismo: un novo caso de xudicialización dun conflito social no noso país. Ademáis, neste caso queremos salientar o diferente baremo da xustiza, xa que os procesos xudiciais máis importantes e relevantes socialmente, entre os que se atopa o incumprimento de leis ambientais e todas as denuncias apresentadas pola plataforma contra o porto deportivo, están a ser adiadas ou obviadas.

O MpDC manifesta, máis unha vez, que este tipo de procesos contra activistas sociais non axudan á resolución dos conflictos e si buscan anular a capacidade mobilizadora da sociedade á vez que se logra un retroceso nos dereitos e liberdades.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

O Movemento polos Dereitos Civís reúnese coa Conselleira de Vivenda

O MpDC reclama das administracións que cumpran co seu mandato e garantan o dereito á vivenda, especialmente en torno ao problema do endebedamento hipotecario

Apresentaronselle a Teresa Táboas os Informes dos últimos anos editados polo MpDC e un adianto do Informe 2006



O MpDC mantivo unha reunión esta mañá con Teresa Táboas, conselleira de Vivenda, na que lle expuso a preocupación desta asociación polos enormes e evidentes problemas na distribución e no acceso á vivenda.O MpDC aproveitou para apresentar os informes que edita anualmente sobre a situación dos dereitos en Galiza e un adianto do Informe 2006, que está a ponto de ser publicado e no cal tamén se contempla, como é habitual, este dereito. O MpDC salienta a boa receptividade mostrada pola Conselleira de Vivenda ante as súas propostas.

O MpDC reclamou medidas concretas da administración ante o coñecido problema do endebedamento para acceder a unha vivenda, única vía de acceso da maioría da poboación a unha vivenda e que supón unha exclusión por motivos económicos dun dereito fundamental como é a vivenda digna, nun contexto ademáis no que o aumento do prezo é imparábel até o de agora. Como alguns dados elocuentes, o MpDC lembra que mentras non se paran de construir novas viviendas en Galiza, o número de vivendas baleiras ascende a 229.360, o que supón unha de cada cinco do noso país, case o 18% do total.

Na xuntanza lembrouse que o dereito á vivenda aparece claramente enunciado en diversos textos legais, mesmo no artigo 47 da Constitución, xa que “todos os cidadáns teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e acaida” e que mesmo se afirma “os poderes públicos promoverán as condicións necesarias para facer efectivo este dereito” e mesmo “impedir a especulación”. Esta claridade expositiva legal contrasta coa realidade que se desenvolveu a través das políticas públicas de vivenda dos diferentes entes públicos. Continúan a ser “os poderes públicos” (nomeadamente as Comunidades Autónomas xa que están transferidas as competencias sobre ordenación do territorio, urbanismo e vivenda) os suxeitos obrigados por este artigo.


O MpDC defende que as administracións deben cumprir con cinco mandatos claros: 1º) Dereito á vivenda digna e acaida, 2º) Promover as condicións necesarias e establecer normas para facer efectivo o dereito á vivenda 3ª) Regular a utilización do solo de acordo co interese xeral. 4º) Impedir a especulación e 5ª) Garantir a participación da comunidade nas plusvalías xeradas pola acción urbanística dos entes públicos. Para o cumprimento destes mandatos, pártese de que toda a propiedade está delimitada pola súa función social e que toda a riqueza, sexa cal fora a súa titularidade, está subordinada ao interese xeral. Existen poucas excusas legais e/ou constitucionais para non desenvolver políticas de vivenda ambiciosas que dean verdadeiros dereitos.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

Premian un estudo sobre a situación xurídica do galego no Bierzo e no Eo-Navia

Vieiros

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

Un estudio sobre a situación xurídica do galego no El Bierzo e o Eo-Navia gaña o certamen sobre Dereitos Civís en Galiza

Diario do Bierzo

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

Un integrante de Fala Ceibe gaña un premio sobre dereitos civís

Diario de León

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

El Rectorado cede y abrirá Filosofía por las noches

El Rectorado cede y abrirá... | El Correo Gallego - Diario de la Capital de Galicia

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

"Dereitos lingüísticos na faixa oriental", gañador do Certame "Dereitos Civís en Galiza"

Un traballo de Carlos Bello Stout sobre os dereitos lingüísticos dos galegofalantes residentes fóra da Comunidade Autónoma gaña o certame, que ten como premio o importe da súa matrícula universitaria
O MpDC tamén publicará o traballo de Tamara Guirao Espiñeira sobre “A protección de datos en Galiza: a deslocalización do telemarketing”


O xurado concedeu o premio do certame “Dereitos Civís en Galiza” ao traballo de Carlos Bello Stout “Dereitos Lingüísticos na Faixa Oriental”, que podedes descargar en PDF. Tal e como expón o autor, o traballo é “unha análise do status quo dos dereitos fundamentais en materia lingüística dos cidadáns galegofalantes que, por acaso, naceron nun lugar ás veces chamado exterior”.

O xurado valorou o interés e relevancia do tema, a calidade científico-técnica e a coherencia interna, a corrección e claridade da exposición e a utilidade que poden ter as propostas formuladas na práctica administrativa. Por petición do xurado e ante a calidade do traballo o Movemento tamén publicará o traballo de Tamara Guirao Espiñeira sobre “A protección de datos en Galiza: a deslocalización do telemarketing”, que tamén podedes descargar aquí.

O traballo comeza cunha análise da historia dos territorios (nomeadamente coa demarcación provincial de 1833, as iniciativas de modificación no 36 ou a criazón das actuais Comunidades Autónomas) e cunha aproximación sociolingüística que xa dá lugar á exposición do marco legal dos dereitos sociolingüísticos, a nível estatal-constitucional, continental (Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias) e universal (Declaración de Dereitos Lingüísticos).

O autor salienta o desigual desenvolvemento normativo dos dereitos lingüísticos nas distintas administracións. En síntese, nos territorios baixo administración asturiana atopamos cun paradoxo que deu lugar a múltiples polémicas, xa que unha modalidade lingüística con moi notábeis carencias dedícase a tutelar unha lengua tamén minorizada, mentres que nos castellano-leoneses úsase unha fórmula aberta e declarativa de protección da lingua galega que non implica a súa oficialización plena, se ben permitiu o ensino do galego de xeito optativo, nun número crecente de estudantes. Tamén a nivel local se produciron tentativas de protección do patrimonio lingüístico, así como outras iniciativas xa sen trascendencia xurídica.

O autor analisa tamén as tímidas medidas iniciadas desde a Comunidade Autónoma Galega e a Real Academia Galega (que é unha academia do idioma e non da CAG simplesmente, como acertadamente se matiza) para concluír que hai unha ausencia de vontade política evidente en intensificar esta liña de actuación. Por último, faise unha comparación de problemáticas paralelas noutros lugares do estado.

Nas conclusións, o autor desbota as opcións máis acaídas nun plano teórico (división do Estado en áreas cunha única lingua oficial, reunificación nun ente único galego, etc…) para se centrar na defensa das que considera máis viábeis, como a defensa do galego na reforma do Estatuto de Autonomía de Castilla-León e a mención específica de lingua protexida no texto asturiano ou a instauración dun Estatuto comarcal semellante ao berciano. O realmente sorprendente é que as medidas máis úteis para o autor xa están escritas (mais nunca aplicadas) no Plano de Normalización Lingüística aprobado pola C.A.G.


Carlos Bello Stout é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago coas especialidades de dereito público e dereito privado. Na actualidade cursa na USC un posgrao en dereito tributario e o segundo ciclo da licenciatura en ciencias políticas e da administración.

Por outro lado, queremos salientar que por petición do xurado e ante a calidade do traballo tamén se publicará no informe o traballo de Tamara Guirao Espiñeira sobre “A protección de datos en Galiza: a deslocalización do telemarketing”. O traballo parte dun dos problemas emblemáticos xerados pola globalización neoliberal, a deslocalización, e as repercusións que ten nos nosos datos cando se produce no telemarketing , cunha situación de fundo marcada por unha situación laboral precaria e o descoñecemento dos dereitos dos usuarios da telefonía.

Recollido en:

Diario do Bierzo

Diario de León

Vieiros

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios
 

O Movemento polos Dereitos Civís alerta ante a posíbel instalación de vídeocámaras na USC

O MpDC advirte dos perigos para os dereitos e liberdades, das garantías legais coas que debe cumprir e da escasa utilidade dun sistema que non resolveu un só ilícito legal na cidade de Compostela, onde xa están instaladas

O MpDC remitirá un dossier para advertir á USC da legalidade que debe cumprir se se confirma o proxecto



Segundo diversas fontes lle confirmaron ao Movemento polos dereitos civís, a USC está a estudar a instalación dun sistema de videovixilancia na Universidade. Diversas cidades e vilas de Galiza xa optaron por colocar cámaras de videovixilancia ou estudar a súa instalación para en lugares moi concorridos, como medida de “seguridade” adicional ás funcións dos Corpos de Seguridade, sen que se teña constancia da resolución dun só ilícito legal pola utilización das cámaras.


Desde o MpDC posicionámonos en contra desta medida e reiteramos as nosas críticas en tes aspectos fundamentais: os dereitos, a legalidade, e a utilidade.

En relación aos dereitos, tense amosado que son unha clara intromisión no dereito á intimidade e á propia imaxe; mesmo na Lei Orgánica que regula a utilización de videocámaras (4/1997) aparece recoñecido que o seu uso en lugares públicos debe estar presidido polo principio de proporcionalidade e de intervención mínima, porque debe primar sempre o dereito ao honor, á intimidade e á propia imaxe das persoas, que só cederá ante un beneficio de tal entidade que estos dereitos deban ser suspendidos.

En relación á legalidade, o MpDC tamén ten insistido en aproveitar as garantías que aparecen recollidas na legalidade vixente, en base a dúas premisas fundamentais: acreditar os permisos pertinentes para a instalación e posteriormente a renovación dos permisos de grabación, e tamén garantir que se utilizan exclusivamente para os fins cos que foron instaladas. En caso de que a USC manifeste a súa intención de seguir adiante coas videocámaras, o MpDC remitiralle previamente un completo dossier informativo para garantir que cumpre integramente coa legalidade.


O MpDC ten denunciado en innumerábeis ocasións as irregularidades percibidas no emprego das cámaras de videovixiancia situadas no casco vello de Compostela -que non contan con licencia da Comisión de Videovixiancia- nun longo proceso no que se chegou a admitir un recurso contra a inadmisión para a retirada de cámaras de videovixilancia na zona vella de Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, tamén o concello d’A Coruña chegou a recoñecer que incumprira a normativa sobre colocación de vídeocámaras en dous casos, nun deles mesmo despois de ter investido xa 50.000 euros. Ademáis hai que sembrar que o Concello xa afirmara noutra ocasión que contara con permisos para vixiar o entorno da Praza do Humor e de María Pita cando en realidade só dispuña de permisos para o control de fachdadas de edificios públicos. Por último, os concellos de Lugo e Boiro desistiron desta intención despois das advertencias do MpDC.

Por último, en canto á utilidade, lembramos que as videocámaras se teñen revelado, unha e outra vez, como inúteis nas funcións que pretenden cumplir; legalmente só se poden instalar para unha “situación concreta” que implique o mantemento da seguridade cidadá, factores que non consideramos xustificados na USC. Pola contra, existen exemplos na utilización destas videocámaras para funcións para as que non están autorizadas; así recentemente tramitouse unha denuncia ante a Agencia Española de Protección de Datos contra a Policía Local de Ribeira pola exhibición nos medios de comunicación dunha imaxe de dúas persoas mentres pelexaban.

Por todos estos motivos, o MpDC solicita que a USC recapacite sobre a función que cumpren estes dispositivos e analice se cumprirían a súa función teórica.

Ler Máis......
envía este post
redes sociais:
  • Agregar a Chuza
  • Agregar a Technorati
  • Agregar a Del.icio.us
  • Agregar a DiggIt!
  • Agregar a Yahoo!
  • Agregar a Google
  • Agregar a Meneame
0 comentarios