Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC presenta en Ourense o informe sobre a vulneración dos dereitos das persoas no ano 2006

Written By Virgulino on 5/12/07 | 0:37

Pobra de Trives e o Carballiño aparecen como concellos pouco respectuosos coas liberdades cidadás

O Movemento polos Dereitos Civís continúa coa súa labor de dar a coñecer as vulneracións dos dereitos e liberdades das persoas que teñen lugar en Galiza. Froito deste traballo, cada ano recopila aqueles casos máis destacados para elaborar un informe, que neste ano cumpre a súa cuarta edición. No día de onte, o voceiro do MpDC, Renato Núñez, e Nemesio Barxa, avogado, fixeron a presentación deste documento na cidade das Burgas.

Nemesio Barxa quixo destacar a labor de asociacións como o MpDC polo feito de que cada vez as administracións públicas van comendo terreo aos cidadáns nos seus dereitos e liberdades, creando unha situación á que hai que poñer freo urxentemente. Segundo indicou, “a ambición polo poder” desborda a intimidade das persoas.

Nas súas palabras, o feito de defender o dereito á seguridade implica que as administracións se van inmiscuír no dereito á intimidade sen indicalo nin preavisalo e “aí é onde está o engano”. Barxa quixo destacar que na actualidade “é sorprendente” a cantidade de cousas que van limitando a nosa individualidade”.

Pola súa banda, Renato Núñez sinalou que o MpDC naceu no ano 2002 para dar resposta a unha situación de efervescencia reivindicativa. A este respecto, indicou que Dereitos Civís é unha asociación que monotoriza como a administración vela polos dereitos da cidadanía.

No que respecta ao Informe 2006, o voceiro do MpDC destacou catro dereitos, por tratarse “dos máis vulnerados en Galiza no ano pasado” como son a liberdade de expresión, no que se refire a expulsións de xornalistas dalgún pleno municipal ou diversas ordenanzas municipais de publicidade estática; o dereito de acceso aos documentos públicos, onde as institucións públicas se encargan de esconder a información á que os cidadáns temos dereito de solicitar; o dereito das persoas no que se refire ás actuacións policiais neglixentes, sobre todo con migrantes, detidos ou a súa constante negativa a identificarse; e, por último, o dereito á intimidade coa proliferación de cámaras de videovixilancia.

Provincia de Ourense

Renato Núñez tamén quixo facer un repaso das actuacións destacadas na provincia de Ourense como son o concello de Trives, que aparece no informe até en 3 ocasións por negarse a facilitar as dependencias públicas para a proxección de diversas pezas audiovisuais, como un vídeo do Ché, o documental Hai que botalos ou a realización dun congreso sobre Manuel Luis Acuña, só polo feito de que non concordaba ideoloxicamente co partido que gobernaba.

Tamén sinalou a actuación da Garda Civil no concello do Carballiño como clara candidata para incluírse no novo informe pois se criminalizou claramente o dereito de manifestación cando varios cidadáns que se concentraban pacificamente foron rodeados por unhas medidas se seguridade desproporcionadas, dándolles un trato de delincuentes que estiveran a corromper a orde pública.

Na cidade de Ourense, o voceiro do MpDC referiuse ao caso da empresa Call Center, denunciada por esta organización por gravar aos seus traballadores mentres realizaban o seu traballo sen preavisalos. O grave destes feitos é que esta entidade prestaba o servizo de Atención ao Menor e Atención ao Maior, co que o feito de gravar para avaliarr o traballo dos seus empregados levaba consigo que se estaba tamén gravando conversacións de carácter persoal, tan importantes como se pode presupoñer no tipo de servizo que prestaban.

0 comentarios:

Publicar un comentario