A medida foi adoptada tras un requerimento do Ministerio de Industria para censurar a entrada a unha serie de páxinas ultradereitistas
Os universitarios galegos están a ver vulnerado o seu dereito á liberdade de información logo de que un requerimento do Ministerio de Industria instase ao Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) a restrinxir o acceso a unha serie de páxinas, entre as que se atopa o coñecido servizo de blogs Blogger. O Movemento polos Dereitos Civís critica que con esta medida Industria está a recortar o libre acceso dos estudantes dos sete campus galegos á información que se atopa na rede, xa que, o servidor é un dos máis utilizados polos internautas e constitúe un vehículo de comunicación empregado por milleiros de persoas en toda Galiza.
A medida foi adoptada tralo aviso do Ministerio aos servidores de acceso a internet de todo o Estado para vetar unha serie de webs de corte ultradereitista, das que algunhas se atopan aloxadas nos servidores de Blogger, polo que, finalmente, se acordou cortar o acceso a estas páxinas filtrando as IP´s asociadas a estas webs, segundo informa Vieiros. Deste xeito, os usuarios ven vulnerados os seus dereitos á libre entrada en internet, así como o acceso á información, xa que, unha decisión que en principio só ía destinada a un determinado número de páxinas acaba afectando ao acceso a todos os servidores Blogger dende as universidades e os centros teconolóxicos da Xunta. Por este motivo, dende o MpDC demandamos que se permita o acceso a Blogger, posto que a censura imposta polo Ministerio a unhas serie de páxinas, alegando o seu carácter ultradereitista, non pode ser unha excusa para coartar a entrada libre na rede dende as terminais dos centros públicos, máis aínda se se ten en conta que centos de webs de igual contido están expostas na rede sen ningunha clase de restriccións.
A decisión tamén vén demostrar unha vez máis a falla de normalización na regulación de información e acceso á rede de redes, xa que, amparada baixo a Lei de Servizos da Sociedade da Información, a censura afecta a un importante número de usuarios de internet aos que se lle vulnerou o seu dereito á liberdade tanto no que se refire a emisión como a recepción da información.
O MpDC critica o recorte da liberdade de información tralo peche do acceso a Blogger dende os campus galegos
Written By Virgulino on 3/12/07 | 9:11
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario