Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A utilización das imaxes gravadas nos telexornais da forma ás preocupacións do MpDC sobre a videovixilancia

Written By Virgulino on 5/11/07 | 12:15

As ameazas sufridas polo cidadán arxentino que viaxaba no vagón onde foi agredida a moza ecuatoriana en Barcelona e a divulgación da agresión de Boiro mostra os problemas do emprego deste tipo de mecanismos de control

Nos últimos días os telexornais estatais así como galegos proxectaban nas súas emisións gravacións feitas por cámaras de videovixilancia así coma por teléfonos móbiles. En primeiro lugar, referentes á agresión da moza ecuatoriana nun vagón do metro en Barcelona, e nos últimos días, a agresión dun adolescente a outro na localidade coruñesa de Boiro.

Dous feitos que o único que fan é reforzar as preocupacións do Movemento polos Dereitos Civís sobre a idoneidade da videovixilancia. No primeiro dos casos, a emisión destas imaxes por televisión fixo que o cidadán arxentino recibira moitas ameazas por non prestar auxilio á rapaza ecuatoriana. É máis, nesta actuación, as imaxes gravadas non serviron para nada pois o agresor quedou liberdade e vulnerouse a imaxe do cidadán arxentino.

Reparou algún dano a gravación destes feitos? A resposta parece clara de que non, e, aínda por enriba, estamos a vivir unha situación onde os medios de comunicación empregan as imaxes para aumentar e sementar o morbo. Reposicións unha e outra vez das mesmas imaxes onde o mozo barcelonés agrede fisicamente a unha moza ecuatoriana. Pero o xuíz determinou que non merecía entrar en prisión. Os medios de comunicación continúan fomentando máis aínda a frivolidade e métense na casa do agresor, que pide diñeiro a cambio de saír nas emisións televisivas.

Ao final da a sensación de que non importa o que pasara senón a cantidade de morbo que podes crear. A finalidade das cámaras de videovixilancia queda aquí moi en entredito e a súa idoneidade aínda máis.

No caso da agresión dun rapaz a outro en Boiro ocorre o mesmo. Gravación dun delito que en lugar de ser importante pola situación da xente máis moza na actualidade, polos índices de delincuencia na etapa adolescente, é importante polo impactante das imaxes, pola necesidade de ensinar en tempo real esa brutal paliza.

Os medios de comunicación anuncian que teñen as imaxes a pesar de que os mozos que gravaron a pelexa queren cobrar pola súa cesión. Este feito convértese case en máis noticia que a propia agresión. O que está a pasar é que en lugar de garantir un dereito como se pretendía coa Lei de Videovixilancia, estase a vulnerar claramente outro, o do dereito á intimidade e á propia imaxe das persoas. E se isto é así, quen protexe este último dereito?

0 comentarios:

Publicar un comentario