Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos arquiva un caso por falla de probas a pesar de contar con testemuñas directas

Written By Virgulino on 14/11/07 | 15:33

Unha empresa galega de call center escoitaba e gravaba aos seus empregados mentres exercían a súa labor de atención ao teléfono do menor e do maior

A Axencia Española de Protección de Datos ven de dar unha mostra inusual de despreocupación hacia a vulneración dos dereitos cidadáns. Recentemente, esta institución pública estatal decidiu arquivar un caso dunha empresa de call center de Ourense, por falla de probas a pesar de que o Movemento polos Dereitos Civís lle enviou teléfonos e contactos de varios traballadores que confirmaban a vulneración dos seus dereitos. Esta sucursal que presta servizos de atención telefónica gravaba aos seus empregados mentres atendían aos cidadáns por teléfono e tamén a estes últimos sen ser avisados previamente.

Os feitos tiveron lugar a comezos do ano 2006 cando varios traballadores da empresa se dirixiron ao MpDC para denunciar que estaban sendo gravados polos seus xefes sen avisalos previamente así como tamén os cidadáns que chamaban aos teléfonos dos que esta sucursal prestaba servizo. Dereitos Civís tivo coñecemento que entre outros números, a empresa ocupábase das chamadas do Teléfono do Menor e tamén do Teléfono do Maior.

Despois dunha denuncia nos xulgados de Ourense, a Fiscalía pasou, ante a falla de interesados directos, este expediente á Axencia Española de Protección de Datos para que ela delimitase se se estaba ou non a vulnerar os dereitos dos traballadores. Esta institución estatal tamén recibira neses días un escrito do MpDC para esclarecer os mesmos feitos.

Nun primeiro momento a AEPD dirixiuse de novo ao MpDC para solicitar interesados directos, polo que se lle enviaron nomes e apelidos de varios traballadores que se dirixiran previamente á nosa asociación. Hai que ter en conta que a propia empresa dirixiu un escrito ao Comité de Empresa no que se recoñecían estas gravacións e que dicía: "como ben saben, con ánimo sustancialmente formativo, é metodoloxía habitual consolidada na empresa tomar mostras aleatorias das chamadas telefónicas realizadas durante a xornada de traballo dos operadores".

Como se pode apreciar, a propia empresa recoñeceu que se gravaban aos seus traballadores sen avisalos así como aos cidadáns que estaban ao outro lado do teléfono. Pero para a Axencia Española de Protección de Datos, á vista deste documento, "non queda acreditado a gravación das conversacións nin a cliente nin a traballadores, polo que non se aprecian indicios de vulneración á normativa vixente en materia de protección de datos".

Datos probados
É máis, a propia empresa, nun escrito que remite á AEPD recoñece que se gravou a unha das súas traballadoras, pero para a Axencia seguen sen ser proba que demostra nada. Segundo di o artigo 197 do Código Penal "o que para descubrir os segredos ou vulnerar a intimidade doutro, sen o seu consentimento, se apodere de papeis, cartas, mensaxes de correo electrónico ou calquera outro documento ou efecto persoal ou intercepte as súas telecomunicacións ou empregue artificios técnicos de escoita, transmisión, gravación ou reprodución do son ou a imaxe, ou de calquera outra sinal de comunicación, será castigado coas penas de prisión de un a catro anos e multa de doce a vintecatro meses".

A AEPD ampárase na súa resolución en que non existe ningunha vulneración do artigo 6 da Lei 15/99 de Protección de Datos de Carácter Persoal xa que como afirma dito artigo non será preciso o consentimento do afectado cando se refire a unha relación laboral e sexan precisos para o seu mantemento e cumprimento.

Nembargantes a Axencia Española de Protección de Datos obvia que en comunicación cos traballadores desta empresa estaban a falar varios cidadáns que tiveron que aportar os seus datos persoais e, como se pode deducir polos servizos contratos (teléfono do maior e do menor), falar das súas intimidades sen saberen de que estaba a ser gravado e escoitados por directivos da empresa; feito que supón unha clara vulneración dos seus dereitos.

0 comentarios:

Publicar un comentario