Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC considera que a ordenanza contra o botellón pode vulnerar o dereito á libre circulación

Written By Virgulino on 12/11/07 | 12:38

A redacción é ambigua e regula asuntos que so se podería facer a través dunha lei orgánica

O concello da Coruña vén de presentar o anteproxecto da ordenanza municipal contra o botellón. Nel recóllense algúns aspectos moi restritivos e que, segundo o Movemento polos Dereitos Civís, podería vulnerar o dereito á libre circulación pola rúa dos cidadáns. Este texto presenta unha redacción ambigua e regula algúns aspectos que terían que facerse a través dunha lei orgánica.

Segundo se recolle no citado anteproxecto, que aínda non está aprobado polo pleno municipal, prohíbese a "permanencia e concentración de persoas na vía pública entre as 23.00 e as 7.00 horas" que "poñan en perigo" a "normal convivencia cidadá".

Dereitos Civís considera que esta medida pode vulnerar de xeito claro os dereitos das persoas e que, dependendo da súa aplicación, pode ir en contra do dereito de libre circulación, recollido na Constitución Española.

Outra das prohibicións que se plantexan no anteproxecto é a referente ao consumo de alcohol na rúa “a aquelas persoas ou grupos que causen molestias aos veciños, tanto desde o punto de vista de ruídos como de condutas que perturben a normal convivencia cidadá.

O Movemento polos Dereitos Civís xa manifestou noutras ocasións a súa postura de acadar espazos para que os máis mozos podan realizar o mencionado botellón sen molestar a normal convivencia dos veciños e veciñas que viven nos centros das cidades.

O establecemento dun lugar adecuado xunto con políticas de concienciación entre os máis novos acerca da recollida dos residuos poden resultar idóneos para establecer unha convivencia axeitada entre os mozos e mozas e os veciños das cidades. É evidente que as medidas restrictivas non dan resultados; ás cámaras na Praza do Humor non evitaron o botellón e a limitación á liberdade de circulación das persoas tapouco o fai facer.

Por estes motivos, o MpDC solicítalle ao concello da Coruña que recapacite sobre o texto deste anteproxecto e que se decante por outras medidas menos vulneradoras dos nosos dereitos e máis eficaces para lograr unha convivencia real e pacífica entre todos os cidadáns que, inevitablemente, debe pasar pola educación. No caso de que isto non sexa así, o MpDC presentará recurso contra este regulamento.

0 comentarios:

Publicar un comentario