Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC apoia a solicitude de que todas as comisarías de policía conten con cámaras de videovixilancia para controlar os abusos policiais

Written By Virgulino on 16/11/07 | 14:58

Non entende que as Forzas e Corpos de Seguridade reclamen a súa colocación nas rúas das cidades, onde non están dando resultados positivos, pero non na admitan nas comisarías onde xa deron resultados positivos como en Barcelona.

Cada día son máis os casos nos que os detidos son tratados de forma neglixente por parte dos axentes de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Estas actuacións abusivas multiplícanse aínda máis no caso de que se produzan nas comisarías onde os policías séntense respaldados ante a impunidade coa que sempre terminan os seus abusos. Estes motivos son os que levan ao MpDC a apoiar a petición de Amnistía Internacional de que todas as comisarías conten con cámaras de videovixilancia para controlar as actuacións dos policías.

O dereito internacional recolle o dereito de todo cidadán a non ser sometido a tortura ou trato ou pena cruel, inhumana ou degradante. E ademais, tamén recolle que os Estados deberán vixiar, controlar e castigar estas actuacións por parte dos Policías. En Galiza poidemos observar como no caso de Mamadou Keane en Vigo non ocorreu isto e os policías recibiron o indulto por parte do Ministerio de Xustiza, a pesar de quedar demostrado que someteron a un abuso desmesurado a esta persoa inmigrante. Non ocorreu o mesmo cos tres veciños do Eixo aos que, por un delito moito menor e aínda sen demostrar, están a cumprir condena dende o pasado 31 de outubro.

Segundo un informe de Amnistía Internacional a este respecto, é preocupante sobre todo a detención de persoas en réxime de incomunicación, os casos de tortura e malos tratos de persoas estranxeiras por parte das forzas de seguridade e a falla de investigacións parciais e mecanismos efectivos de rendición de contas e reparación ás vítimas cando se producen estes feitos.

Para esta asociación internacional sería preciso a creación dun instituto independente que investigara estas neglixencias policiais e sancionara no caso de que se detectara algunha vulneración dos dereitos cidadáns ou algunha neglixencia por parte dos axentes. Este órgano sería similar ao que o MpDC leva dous anos traballando, a Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais e que foi presentada no Parlamento de Galiza.

Que cada comisaría contara con cámaras de videovixilancia que controlasen os interrogatorios e outras actuacións policiais sería unha fórmula para evitar que os axentes se extralimitasen das súas función e, no caso de que así acontecera, unha proba para incriminar aos policías vulneradores dos dereitos e de defensa para os agredidos.

Seguramente opte aquí o Estado español pola non instalación de cámaras por non consideralas necesarias, en contraposición das miles que hai colocadas por toda Galiza e o resto do Estado, en parques, prazas públicas, rúas,... Lugares onde non están a realizar ningunha función pero onde non se meten na intimidade laboral dos axentes e permiten que se sigan a dar centos de agresións policiais ao ano, a inmensa maioría sen sancionar por falla de probas e pola impunidade da que gozan as forzas de seguridade.

0 comentarios:

Publicar un comentario