Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC aplaude a decisión do concello de Vigo de non dotar con pistolas eléctricas aos seus policías locais

Written By Virgulino on 15/11/07 | 15:00

Os axentes nunca plantexaran entregar as súas pistolas a cambio da utilización da pistola eléctrica; motivo polo que o MpDC non entende cal é a vantaxe da súa utilización

O concello de Vigo, a través do seu concelleiro de Seguridade Cidadá, afirmou no día de onte que non se vai dotar con pistolas eléctricas aos axentes da Policía Local. Esta era unha demanda deste corpo de Seguridade que nunca plantexou entregar as súas pistolas a cambio das Taser, que así se chaman as eléctricas. O Movemento polos Dereitos Civís aplaude esta decisión da entidade local olívica desbotando unha medida que podería ser moi vulneradora dos dereitos humanos.

A comezos deste mes, os axentes da Policía Local de Vigo mostraban o seu desexo de contar con pistolas Taser, armas que son capaces de facer unha descarga de 50.000 voltios sobre un cidadán, o que lle produce unha paralización do seu corpo durante cinco segundos pero que, segundo as súas fontes, "era inofensivo". Incluso trouxeron a un axente que sabe manexar estar armas para que lles fixera unha demostración e lles ensinara a empregalas.

A pesar de que o alcalde de Vigo se mostrara cauto e plantexara a posibilidade de facer un estudo sobre a súa idoneidade, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Xulio Calviño, mostrouse contrario á compra destas pistolas e comparou aos axentes co personaxe de ficción Rambo.

Amnistía Internacional tamén se mostrou contrario ao uso destas armas porque consideran que ao non deixar secuelas nos cidadáns pode converterse nunha forma de abuso policial sobre os detidos dificilmente demostrábel, algo co que o MpDC coincide plenamente. Se os axentes xa son moi dados a sobrepasarse das súas funcións sen importarlles deixar mouratóns, escorreduras, roturas... si se lles facilita armas que non deixan rastro nos corpos das persoas pode converterse en algo moi pernicioso.

Ademais, as pistolas Taser arrastran un grave historial de abusos contras os dereitos civís alí onde o seu uso se estendeu, como os Estados Unidos de América ou Canadá, segundo informaron fontes de Amnistía Internacional. Por este feito, sería preciso suspender o seu emprego até que expertos na materia investigaran os efectos secundarios que pode ter na saúde estas descargas eléctricas de 50.000 voltios.

Por todo isto, o MpDC congratúlase da decisión do concello de Vigo e espera que as institucións públicas encargadas da Seguridade Cidadá desboten este tipo de pistolas que se poden converter nun instrumento máis de abuso policial e que non van resolver ningún crime, nin roubo nin outro tipo de acto vandálico. Non está demostrado que nas Comunidades Autónomas onde xa contan con armas Taser, como na Comunidade Canaria, descendera o índice de delincuencia, polo que o seu uso parece máis dar resposta a un capricho dos axentes que a unha verdadeira medida que garanta a seguridade das persoas.

0 comentarios:

Publicar un comentario