Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Defensor del Pueblo considera que oito meses de demora para facilitar un expediente non é unha actuación irregular

Written By Virgulino on 1/11/07 | 11:43

Así o manifestou despois de que a Garda Civil so facilitara un expediente a unha veciña de Compostela tras seren denunciados á Inspección de Persoal

O Defensor del Pueblo comunicou nos últimos días, a través dun escrito, que a actuación da Garda Civil impedindo o acceso ao expediente a unha accidentada non é unha actuación irregular. Así o manifestou despois de que os axentes só facilitaran o citado expediente despois de seren denunciados á Inspección de Persoal pola afectada.

A comezos do ano 2007 unha veciña de Compostela vira denegado o acceso a unha información sobre a actuación da Garda Civil tras un accidente, despois de presentar unha queixa contra a forma de operar dos axentes. Tras varias reclamacións, foi a Inspección de Persoal do Ministerio do Interior a que dixo que a cidadá tiña dereito ao acceso ao seu expediente.

Ante esta resolución da Inspección de Persoal, a Garda Civil púxose en contacto coa afectada para facilitarlle o acceso ao expediente, xustificando a súa actuación con que pensaban que quen facilitaba os expedientes era a Inspección de Persoal. Algo que é imposíbel porque a institución do Ministerio do Interior non tivo acceso a esta información até que lla remitiron dende Compostela.

Ante esta forma de actuar da Garda Civil, o MpDC dirixiuse ao Defensor del Pueblo para denunciar esta situación obtendo, sorprendentemente, como resposta, que non se trata dunha actuación irregular o feito de non permitir durante oito meses o acceso ao seu expediente a unha accidentada.

Como podemos ver, este é outro caso onde as administracións públicas se van cubrindo as costas unhas ás outras, sen importar para nada os dereitos dos cidadáns. Máis grave parece aínda no caso do Defensor del Pueblo, organismo creado exclusivamente para velar polos intereses das persoas e non para encubrir, neste caso, á Garda Civil.

0 comentarios:

Publicar un comentario