Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O concello de Vigo ten a intención de instalar varias cámaras de videovixilancia

Written By Virgulino on 7/11/07 | 12:04

O MpDC enviará un escrito á entidade local olívica para que opte por outros mecanismos máis efectivos e que non vulneren os dereitos cidadáns

O Movemento polos Dereitos Civís considera que a intención do Concello de Vigo de instalar varias cámaras de videovixilancia para controlar o vandalismo e a movida nocturna non son efectivas e vulneran dereitos fundamentais. Esta medida uniríase á instalación de 20 cámaras máis para o control do tráfico da urbe e sí llo fixeron saber os representantes da entidade local nunha xuntanza con asociacións de empresarios e hostaleiros.

Ante estes feitos, o MpDC poñerase en contacto, a través dun escrito, co concello de Vigo enunciando todos os dereitos que vulnera a instalación de cámaras de videovixilancia e solicitando que desboten esta medida optando por outra máis efectiva e menos perniciosa. Como se puido comprobar noutras cidades como A Coruña e Santiago, o emprego de dispositivos de control para loitar contra o vandalismo, a movida nocturna ou o botellón non son a mellor opción.
Fai máis de dous anos, a entidade herculina optara por instalar varias cámaras na Praza do Humor, un espazo público que adoita ser empregado polos máis mozos para facer botellón. Desde aquela, o ruído xerado por esta actividade así como os desperfectos ocasionados non se reduciu nada e os veciños aseguran que os dispositivos de videovixilancia amósanse inútiles. Na localidade de Compostela, na praza do Toral, onde hai unha cámara de videovixiancia desde 1999, dous comercio foron asaltados no 2007 sin que os mencionados dispositivos serviran para identificar ou deter aos delincuentes.

Estes feitos fan que o concello de Vigo estea a punto de caer no mesmo erro pensando que por ter máis cámaras haberá maior seguridade e control cando, polo contrario, estarase a vulnerar o dereito á intimidade de moitas persoas que non cometen ningún delito e que queren preservar o dereito á súa propia imaxe.

Esta medida viría sumarse á intención da entidade olívica de instalar tamén 20 cámaras que controlen o tráfico da cidade, medida á que tamén se opón o MpDC por considerala innecesaria e errónea, ademáis de por nas mans de empresas privadas imaxes que logo poden ser filtradas como moitas vistas en internet.

Por outro lado, nos últimos días asistimos a unhas imaxes televisivas onde un mozo agredía brutalmente a unha rapaza nun tren en Barcelona. Pero tamén se recollía como un cidadán arxentino, alleo a estes feitos, saía unha e outra vez na televisión sen cometer ningún delito. O feito de non prestar auxilio a esta rapaza (posiblemente por medo pois ese mesmo día se daba coñecemento da morte dun estudante de dereito por intervir nunha situación similar) fixo que, agora, ese xoven estea ameazado polos seus veciños e sexa motivo de críticas de boa parte da sociedade.

Como se pode apreciar, moitas veces o emprego de cámaras crean máis conflitos dos que solucionan porque o agresor quedou en liberdade e un cidadán totalmente inocente está a ser convertido nunha lacra social polos seus veciños. Esperamos, por todo isto, que o concello de Vigo recapacite e dea atrás nas súas intencións a este respecto.

0 comentarios:

Publicar un comentario