Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Axencia Española de Protección de Datos reclama ao MpDC información sobre as cámaras do CEIP de Fisterra

Written By Virgulino on 11/11/07 | 1:45

A día de hoxe non son visibles e non se sabe si están ocultas ou non foron instaladas


A Axencia Española de Protección de Datos púxose en contacto co Movemento polos Dereitos Civís para solicitar información sobre as cámaras do CEIP “Mar de Fóra” de Fisterra.

A comezos deste ano o concello de Fisterra manifestara a intención de colocar varias cámaras de videovixilancia no CEIP desta localidade. Ante estes feitos, o MpDC púxose en contacto con este centro para avisar sobre a necesidade de contar cun permiso específico da Delegación do Goberno. Como se puido observar nas declaracións do alcalde deste concello coruñés, a entidade local non coñecía a lexislación que marcaba a colocación destes dispositivos.

Ante a negativa deste centro a respostar ao MpDC de si contaban ou non cos permisos pertinentes, esta asociación acudiu ao Valedor do Pobo así como á Delegación do Goberno pero sen acadar ningún resultado positivo. A primeira destas institucións recomendounos acudir á segunda e esta afirmou que non era da súa competencia xa que non ían estar vixiadas por Forzas e Corpos de Seguridade. Algo co que nos mostramos totalmente en contra pois se estas cámaras se chegan a colocar o máis seguro é que sexan controladas por policías locais.

Na procura de esclarecer estes feitos, e dada a neglixente actuación do Valedor e da Delegación do Goberno, dirixímonos á Axencia Española de Protección de Datos; que ven a solicitar mais información ao MpDC antes que ás anteriores Institucións mencioandas. Amosando unha maior confianza na información aportada polo MpDC que na información facilitada pola Delegación do Goberno e do Valedor do Pobo.

Dende o MpDC, queremos mostrar a nosa satisfacción polo feito de que a Axencia Española de Protección de Datos conte coa nosa asociación para solucionar problemas onde os dereitos das persoas se vexan vulnerados. O establecemento dunha canle de comunicación fluída entre as administracións públicas e os colectivos sociais non vai redundar máis que nunha maior garantía para as nosas liberdades e nun maior benestar social.

No referente ás cámaras, a realidade é que a día de hoxe non se sabe se finalmente estes dispositivos non foron colocados nas dependencias do CEIP de Fisterra ou, pola contra, están de forma non visíbel para os alumnos e cidadáns que transitan polas proximidades. Esperemos que a Axencia Española de Protección de Datos, coa colaboración do MpDC, solucione dunha vez este conflito que o Valedor do Pobo e a Delegación do Goberno non quixeron nin souberon atallar no seu momento.

0 comentarios:

Publicar un comentario