Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A USC prosigue no seu empeño de instalar cámaras de videovixiancia e outros mecanismos de control nas súas dependencias

Written By Virgulino on 1/10/07 | 15:00

O MpDC xa alertara da opción que barallaba a institución universitaria

O Movemento polos Dereitos Civís xa alertara o pasado mes de xaneiro da posibilidade que manexaba a Universidade de Santiago de Compostela de instalar diversas cámaras de videovixiancia e outros mecanismos de control de acceso ás súas dependencias. Cada día son máis os organismos públicos os que optan por estes mecanismos de control da cidadanía, moitas veces instalados sen os correspondentes permisos e vulnerando claramente a lei.

Cando o MpDC coñeceu fai máis oito meses as intencións da USC, remitiu un dossier onde informaba a esta institución dos perigos e da non idoneidade destes mecanismos de control, que rara vez cumpren a función para os que foron instalados. Non parece de recibo, nin necesario, que a Universidade se dote con cámaras para controlar o acceso dos estudantes, profesorado e demais traballadores, dados os nulos casos conflitivos que se producen, e nos que as cámaras podían ser a solución.

O Movemento quere deixar claro que nunca é xustificábel a instalación de cámaras de videovixiancia e que a función que cumpren pode ser perfectamente substituída por outro tipo de mecanismos, como os gardas de seguridade. Parece que neste caso, no da USC, este feito responde máis a unha estratexia para seguir despedindo persoal contratado, algo co que o MpDC se mostra totalmente en acordo. Non tanto así, co feito de introducir mecanismos que atenten claramente contra o noso dereito ao honor e á intimidade, garantidos pola recurrida Constitución do Estado Español.

Antes todos estes feitos, e ante a situación de repulsa que provocou, provoca e provocará a instalacións destes dispositivos, o MpDC solicitará á USC que medite a súa intención de colocar estes dispositivos, ou a súa retirada se fose necesario. Tamén, por outro lado, no caso de que non cesen no seu empeño, dirixirase á Delegación do Goberno para coñecer se teñen os permisos pertinentes, situación que poucas veces ocorre.

0 comentarios:

Publicar un comentario