Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC lamenta que os tres veciños do Eixo entren en prisión

Written By Virgulino on 29/10/07 | 12:28

O Ministerio de Xustiza, inexplicablemente, non acepta que sexan indultados cando non opuxo ningunha obxección ao indulto de tres policías de Vigo

Mañá ás 20.30 horas tres persoas inocentes entrarán na prisión de Curtis. Simón Márquez, José Moreira e Jesús Montoiro, os tres veciños do Eixo condenados por, supostamente, agredir a un policía durante unha manifestación en 1998. Tres casos cos que se demostra a falla das garantías xudiciais para a cidadanía, cunha investigación chea de baldeiros e contradicións nas declaracións policiais.

Tras varios anos de loita e de recollida de sinaturas, manifestacións públicas, miles de apoios recibidos, institucionais, sociais, individuais, os recursos legais esgotáronse e os tres veciños do Eixo entrarán na cadea para cumprir a condena de sete anos. Este proceso termina, unha vez máis, coa cidadanía pagando a incompetencia da xustiza e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que en lugar de velar polo cumprimento dos nosos dereitos, meten en prisión a tres inocentes.

Por outro lado, inexplicablemente, o Ministerio de Xustiza non acepta que sexan indultados, de acordo coa Lei 1/1988, que regula esta materia. A este respecto, unha das funcións da pena e a rehabilitación social, aspecto que está sobradamente superado, dado o apoio recibido nestes anos polos veciños de Compostela e do resto do país. Ademais, tamén pagaron os 156.000 euros de responsabilidade civil.

Porque, para que se creou a figura do indulto se despois non se emprega ante un caso tan claramente obxectivo coma este? A este respecto, hai que lembrar que o Ministerio de Xustiza concedeu este indulto a tres policías locais de Vigo, no ano 2005, por deter e agredir a un cidadán senegalés, Mamadou Kane. Un proceso moito máis claro e onde os tres axentes si que se demostrou que excederan as súas competencias e vulneraran os dereitos de Mamadou. Neste sentido o MpDC tamén se pregunta sobre a opinión do Sindicato Unificado de Policías que se mostra tan reaccio a concesión do indulto aos veciños do Exio pero non amosou ningunha oposición á concesión do indulto aos policías locais de Vigo.

Para o MpDC, esta diferenza de criterios non fai máis que afondar no feito de que os Axentes das Forzas e Corpos de Seguridade actúan sempre contando coa protección do Ministerio de Xustiza e demais institucións estatais, algo que non pasa cando se trata de cidadáns de a pé, como neste caso, os tres veciños do Eixo.

0 comentarios:

Publicar un comentario