Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O contencioso nº3 de A Coruña di que o Concello incumpriu o Regulamento de Videovixiancia

Written By Virgulino on 21/10/07 | 23:05

Segundo o Xulgado do contencioso, a mencionada normativa "impón que a instalación sexa autorizada antes de que se realice, así resulta, inequivocamente, do artigo 16.a que impón o informe previo - vinculante - da comisión de garantías á solicitude de instalacións".

A pesar de que o Regulamento de Videovixiancia pon como requisito - para garantir os dereitos recollidos no Artigo 18 da CE - que as solicitudes de permiso para a instalación de videocámaras deben ser solicitados e concedidos previamente a súa instalación, o Concello de A Coruña non solicitou permiso para a instalación das cámaras da Estación de Autobuses ate decembro do 2006 cando as cámaras xa estaban instaladas desde o mes de agosto, e soamente despois de que o MpDC denunciara publicamente esa ilegalidade.

Nembargantes o Xulgado do Contencioso Número 3 de A Coruña non condena ao Concello a retirar as cámaras pois a Delegación do Goberno concedeu eses permiso en febreiro do 2007, cando as cámaras xa levaban meses instaladas e vulnerando a normativa de videovixiancia, tal e como se admite na sentencia.

Resulta sorprendente, entón, que a Delegación do Goberno en Galiza autorizara esa instalación cando estaba avisada de que as cámaras xa estaban instaladas, pois o propio MpDC o puxo no seu coñecemento. A Delegación do Goberno, lonxe de tomar medidas sobre as cámaras instaladas de forma ilegal, atrasou a súa contestación varios meses, ata despois da súa autorización e, posteriormente, remitiu un escrito a Dereitos Civís alegando que as cámaras dispuñan dos permisos necesarios.

Por outro lado cabe destacar que a Delegación do Goberno está denunciada por non facilitar información sobre os concellos que teñen instaladas as cámaras de videovixiancia ou teñen solicitada a súa instalación. Esa negativa da Delegación do Goberno a facilitar eses datos impiden que se poida impugnar autorización que contraveñen a lexislación, como a autorización das cámaras da Estación.

Mesmo así o Defensor del Pueblo (quen xa se dirixiu ao Concello e a Delegación do Goberno por segunda vez) e a Axencia Española de Protección de Datos seguen investigando as cámaras, pois aínda que o Xulgado afirme que non pode tomar medidas, queda demostrado que as cámaras estiveron instaladas de forma irregular e que se vulnerou o dereito á imaxe dos cidadáns que acudiron a Estación ata, polo menos ata febreiro do 2007.

Por último, o MpDC informa de que se vai dirixir novamente á Delegación do Goberno para que explique porque autorizou as cámara da Estación de Autobuses cando estaba informada de que xa estaban instaladas e vulnerando o Regulamento de Videovixiancia. Tamén pedira que facilite o expediente completo por si se cometeu prevaricación.

0 comentarios:

Publicar un comentario