Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Un xulgado da Coruña acepta unha denuncia contra a Delegación do Goberno pola actuación policial na rúa Real durante o ano 2006

Written By Virgulino on 17/9/07 | 22:57

A institución estatal negouse a facilitar os informes, que segundo a propia Delegación, amosarían que as cargas policiais foran axeitadas


Un xulgado da Coruña aceptou unha denuncia contra a Delegación do Goberno en Galicia, relativa a actuación policial acontecida na rúa Real durante o ano 2006. Na mesma, os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, realizaran unha operación desmesurada contra vendedores ambulantes inmigrantes, que rematou con 16 detidos, varios feridos, e a indignación xeralizada entre a cidadanía.

Xa no 2006, o Movemento polos Dereitos Civís dirixírase á propia institución estatal para solicitar o esclarecemento dunha actuación obxectivamente desproporcionada. Na resposta achegada pola Delegación afirmábase que o modus operandi fora “axeitado” pero en canto o MpDC solicitou copia dos informes para comprobar a veracidade de tales afirmacións, a nova petición foi remitida á subdelegación do Goberno na Coruña; autoridade que non facilitou os informes.

Ademais, fai menos dun mes, as forzas de seguridade do Estado volveron a optar por unha redada mediática, como se fixo o ano pasado vulnerando de xeito claro os dereitos dos vendedores ambulantes. Xa anteriormente a esta última operación policial, o MpDC acudira ao Xulgado Contencioso-Administrativo por non facilitar os informes nos que, segundo o Sr. Ameijeiras, se basearon para afirmar que a redada realizada fóra correcta e garantindo os dereitos dos alí presentes.

A boa noticia para os cidadáns é que un este xulgado aceptou esta denuncia, comezando a partir de agora unha investigación para esclarecer os feitos, e que, iso sí, seguramente permitirá comprobar como a Delegación do Goberno xoga cos dereitos dos inmigrantes e non realizou ningunha xestión para comprobar que a actuación policial foi proporcionada.

0 comentarios:

Publicar un comentario