Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Policía Nacional deten en menos de dúas horas a dúas persoas totalmente inocentes, vulnerando claramente os seus dereitos

Written By Virgulino on 25/9/07 | 15:02

O MpDC solicitará á Delegación do Goberno, así como á Dirección General de la Guardia Civil y de la Policía unhas disculpas públicas admitindo os seus graves erros

A Policía Nacional volveu, unha vez máis, a actuar de forma totalmente desproporcionada e desmesurada. En concreto, na tarde do pasado xoves, detivo, a escasa distancia, a dúas persoas totalmente inocentes vulnerando claramente os seus dereitos. Ante esta falta grave dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, o Movemento polos Dereitos Civís solicitará á Delegación do Goberno, así como á Dirección General de la Guardia Civil y de la Policía unha rectificación pública. Ademais, tamén fará chegar unha queixa ao Parlamento de Galicia, aínda que ten constancia de que xa se presentou algunha iniciativa neste sentido.

Os feitos tiveron lugar o pasado xoves, na localidade pontevedresa de Barrantes, no concello de Ribadumia. En primeiro lugar, membros do corpo de loita contra a droga da Policía Nacional de Pontevedra, vestidos de paisanos, abordaron nunha beirarrúa, a punta de pistola, a Miguel Ángel Gómez Abal, de 29 anos. O rapaz, ao ver que estas persoas non se identificaban, escapou no seu coche, recibindo dous disparos que non chegaron a darlle, pero que un deles quedou rexistrado no seu coche.

Tras unha serie de neglixencias como non identificarse, non lerlle os dereitos, non avisar aos seus familiares, foi posto en liberdade en Pontevedra tres horas despois da súa detención. Antes de levalo á comisaría levárono ao campo de fútbol de Ribadumia, a onde chegou outro coche camuflado onde viña detida Noelia, a outra protagonista desta triste noticia.

Noelia González Rodiño, de 30 anos, estaba parada nun semáforo cando tres persoas, que non se identificaron, a sacaron do seu coche a punta de pistola. Ante as queixas dos veciños, os tres axentes quitaron as súas placas de Policía Nacional, algo que deberían ter feito nun primeiro momento. Tras levar a Noelia ao campo de fútbol de Ribadumia, para saber si coñecía a Miguel Ángel, foi trasladada a Pontevedra, onde permaneceu durante 22 horas detida.

Tanto Miguel Ángel como Noelia denunciaron ante o Xulgado do Penal as actuacións neglixentes dos axentes da Policía Nacional, sen que polo momento se dera ningunha resposta oficial por parte das Forzas de Seguridade do Estado. O que si esperan, os dous inxustamente detidos, é unha rectificación pública así como limpar a súa imaxe, gravemente danada polo mero feito de estar no lugar equivocado no momento equivocado, e sobre todo pola actuación ilegal e negligente dos axentes.

O MpDC solicitará, por este feito á Delegación do Goberno e á Dirección General de la Guardia Civil y de la Policía unha explicación dos feitos así como unha rectificación pública e poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia estes feitos. Ademais, esta asociación sen ánimo de lucro, quere salientar que cada día son máis as actuacións neglixentes da Policía Nacional, esquecéndose en todo momento dos dereitos dos cidadáns, algo que debería ter prevalecido sobre o resto.

0 comentarios:

Publicar un comentario