Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Os traballadores da Praza do Toral cuestionan a utilidade das cámaras de videovixilancia e inclínanse pola súa retirada

Written By Virgulino on 20/9/07 | 8:59

O pequeno comercio do Casco Vello de Compostela rexeita as cámaras de videovixilancia do concello. En resposta ás preguntas do Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), varios dependentes da Praza do Toral negaron a súa utilidade práctica e inclináronse pola súa retirada.

O MpDC loita desde o ano 2002 contra as cámaras de seguridade instaladas en 1999. As reclamacións e queixas ante diferentes institucións durante estes cinco anos permiten cuestionar a legalidade e utilidade deste sistema de vixilancia.

Ante clara inutilidade destas cámaras e polos problemas que conlevan, as persoas que falaron co MpDC inclinaronse pola súa retirada. Varios dependentes de comercios da céntrica Praza do Toral cuestionados polos MpDC coinciden en negar a eficacia das cámaras, xa que algúns estabelecementos sufriron danos e roubos ó longo deste ano. Chegan incluso a consideralas como “unha medida máis disuasoria que de vixilancia”. Amais de negar a súa efectividade disuasoria opóñense “como cidadáns” a este tipo de medidas.

Moitos dependentes levaron unha desagradábel sorpresa ó denunciar os ataques contra os negocios. A Policía Local informoulles de que as cámaras non gravan, só visionan, polo que os actos violentos non quedan rexistrados. Unha das escusas esgrimidas polo corpo de seguridade é dicir que só hai un axente controlando todas as pantallas das cámaras da cidade, o que impide presenciar os crimes no momento.

En xaneiro do ano pasado o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo (principal defensor das cámaras) afirmara que as cámaras só servían para controlar os danos producidos nas noites da fin de semana (algo que vulnera a lei que as regula). Cómpre lembrar a mala relación entre o MpDC e o Concello de Santiago a raíz das varias veces que a mencionada asociación evidenciou a vulneración da normas reguladoras da videovixiancia. Isto chegou até o extremo de que o alcalde acusase de “violento” ó daquela coordinador do colectivo, feito que o Alacalde aínda non conseguiu demostrar a día de hoxe.

0 comentarios:

Publicar un comentario