Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís opónse a instalación de cámaras de videovixiancia nos parques de Lugo

Written By Virgulino on 10/9/07 | 0:46

Lembra que no seu día as cámaras foron utilizadas para observar o interior de vivendas e non para garantir a seguridade nas rúas

A asociación que defende os Dereitos Civís en Galiza destaca que os principais prexudicados pola aplicación desa medida serían os nenos e nenas que habitualmente utilizan os parques infantís. Cidadáns que gozan dunha especial protección dos dereitos recollidos no artigo 18 da Constitución (Honor, intimidade e imaxe) e que os verían vulnerados a cotío polo emprego das videocámaras.

Por outro lado, non se dan os principios de idoneidade e proporcionalidade para a instalación das cámaras. Segundo eses principios non deben existir outras medidas (a non ser que sexan especialmente gravosas) para lograr os mesmos obxectivos que coa instalación das cámaras. Neste sentido, o peche do parque polas noites parece ser unha medida menos gravosa para os dereitos recollidos no artigo 18 que a instalación de videovixiancia.

O MpDC considera que os corpos e forzas de seguridade xa quebrantaron a confianza da cidadanía cando utilizaron estes medios de control para adentrarse na privacidade dos demais e por ese montivo, non por outro, a Consellería de Cultura decidiu non subvencionar a instalación de cámaras na Muralla.

Para rematar o MpDC lembra que este método de control da cidadanía non é útil para impedir o vandalismo; na Praza do Toral de Santiago de Compostela hai unha cámara instalada e desde principio de ano romperon os escaparates de tres comercios da praza e roubaron a dous sen que ninguén fora detido ou identificado.

0 comentarios:

Publicar un comentario