Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno non nega que se grava a detidos de forma irregular

Written By Virgulino on 9/8/07 | 10:14


A institución dirixida polo Sr. Ameijeiras afirma que está prohibido informar se os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado cometen esta ilegalidade

A Delegación do Goberno enviou nos pasados días un escrito ao Movemento polos Dereitos Civís onde non nega que se grava a detidos de forma irregular. Estas afirmacións da institución estatal veñen a dar resposta a unha pregunta do MpDC sobre as supostas gravacións dos detidos que son obtidas de xeito irregular nas actuacións dos Corpos e Forzas de Seguridade. Esta actuación, que vulnera a Lei de Videovixiancia e a de Protección de Datos, foi recoñecida polo voceiro dun sindicato policial nun telexornal dunha cadea estatal recentemente.

Segundo este membro do sindicato policial, é habitual que se usen métodos propios- teléfono e cámaras- para se defender no suposto de denuncias de malos tratos. E o que vén a ser máis inaceptábel é que a institución presidida polo Sr. Ameijeiras non ten ningún problema en aceptar, no escrito remitido ao MpDC, que “a clase de información solicitada” pola asociación de defensa dos dereitos cidad, en referencia a se existen ou non esas imaxes, “no suposto de habelas, ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida”.

Parece sorprendente, que a Delegación do Goberno se ampare en distintos artigos da Constitución para defender as súas suposta ilegalidades, como son a gravación irregular dos detidos. A institución estatal ampárase no punto 5 do artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, sobre dereito de acceso a arquivos e rexistros por parte dos cidadáns, que di “que o dereito non poderá ser exercido respecto dos expedientes que conteñan información relacionada coa seguridade do Estado e coa investigación de presuntos delitos que podan afectar á protección dos dereitos e liberdades de terceiros”.

Dende o MpDC queremos denunciar unha falla de responsabilidade total ao xustificar na defensa da intimidade dos supostos detidos a imposibilidade de informar sobre a existencia desa práctica (a grabación dos mesmos), cando estas non deberan existir se non fora pola actuación ilegal por parte dos Corpos e Frozas de Seguridade do Estado. Por ese motivo o MpDC porá estes feitos en coñecemento do Defensor del Pueblo.

0 comentarios:

Publicar un comentario